quinta-feira, 15 de abril de 2010

QUE SABEMOS DE IRAQ?

Para os e as despistadas (temos xente nova no Clube, parece ser que se nos animaron unhas rapazas de 2ºB, así que xa temos que deixar de falar en masculino!) que aínda non saiban onde queda Iraq, velaquí un mapa (picando sobre el co rato a imaxe amplíase). Nel podedes observar que linda con Turquía, Siria, Arabia Saudí, Irán e Kuwait. Ten un anaquiño de costa que dá ao Golfo Pérsico (de aí o nome da 1ª ofensiva contra Iraq, que pretendía invadir Kuwait e así quedar co control de máis territorio marítimo). A súa capital é Bagdad, que conta cunha poboación aproximada duns 5 millóns de habitantes.

A sorte e a desgraza de países coma este, ademais das ditaduras que sufriron e sofren, son os seus recursos naturais, neste caso o petróleo, que os fai ser cobizados por países máis fortes que necesitan eses recursos para ser cada vez máis poderosos. Mais, sen dúbida, quen máis sofre é o pobo, que ten que vivir en condicións infrahumanas a pesar de vivir nun país moi rico en recursos naturais.


A continuación unha imaxe satélite tirada do Google Maps, que podedes ampliar para ver a distancia que hai entre a Península Ibérica e o Golfo Pérsico:



Visualizar o mapa ampliado

A GUERRA DO GOLFO

A guerra da que nos fala Khaled en Irmán do vento comezou en 1990 e durou un ano repleto de longas e cruentas batallas. Deuse a coñecer co nome de Guerra do Golfo. Podedes atopar máis información sobre ela no enlace anterior.

Hai uns poucos anos, esta guerra repetiuse, e aínda hoxe Iraq está nun estado de sitio que impide que os e as iraquís desenvolvan unha vida normal por mor dos atentados diarios que matan a ducias de persoas.



Coa lectura de Irmán do vento, vemos as consecuencias da guerra a través dos ollos dos que máis as sofren: as crianzas e os mozos e mozas que teñen soños e ilusións e ven como se truncan, e como teñen que se facer maiores antes de tempo, impedindo deste xeito o dereito que debería ter todo o mundo na infancia: o dereito de ser nenos e nenas.

IRMÁN DO VENTO

Cambiamos de terzo co seguinte libro do Club de Lectura Coristranca de 1º ciclo. Deixamos o terror psicolóxico e pasámonos a un terror por desgraza máis real: o das guerras.
Escollemos desta volta a lectura de Irmán do vento, libro de Manuel Lourenzo González que acadou o Premio Merlín en 2003.
Trátase dunha novela na que se conta a historia de Khaled, un rapaz do Iraq que, nun breve espazo de tempo, pasa pola experiencia de dúas guerras. Entre un prólogo e un epílogo, escritos polo arqueólogo Luís Meira Al-Galego, atopámonos o día a día deste mozo obrigado a medrar e facerse home pola forza das circunstancias, a través das cartas que, a modo de diario, lle escribe a un suposto fillo de Luís Meira que viviría en Europa.


Se ben o relato é a crónica da destrución do mundo de Khaled e dos seus soños, tamén é a narración da loita contra ese destino imposto e pola recuperación da dignidade e a esperanza.
De temática moi actual, o texto enfróntanos a unha realidade da que non podemos agocharnos, unha situación tremendamente dura e á que non somos alleos.