sábado, 24 de dezembro de 2011

BO NADAL!

A todas as persoas que nos acompañades para dar a man aos libros, CORISTRANCA quere desexarvos unhas BOAS FESTAS.

E lembrade que...

Para viaxar lonxe, non hai mellor nave que un libro.

Emily Dickinson (1830-1886) Poeta estadounidense

sexta-feira, 16 de dezembro de 2011

PALABRA DE AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ...

Non imaxinades como soa a escrita de Agustín Fernández Paz na súa propia voz?



Partillamos convosco o enlace á audición que escoitamos ao final da nosa tertulia literaria: http://www.aelg.org/Centrodoc/GetPageById.do?id=obra2033&format=3&orde=1

Agardamos as vosas opinións... e non esquezades que os exemplares da novela agardan por vós na biblioteca do centro.

TARDE CON AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Onte á tarde a nosa tertulia literaria contou coas lectoras e lector da novela Corredores de sombra

"Visitounos" o autor, Agustín Fernández Paz, desde unha entrevista concedida recentemente á prensa por mor do importantísimo Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil que lle concederon recentemente na Feira do Libro de Guadalajara (México) e tamén desde a pantalla do computador escoitando a lectura dun anaquiño desta novela na súa propia voz.

Sen dúbida, foi unha tarde diferente e moi agradábel. Va que xa vos estamos a dar envexa? ;-)

quinta-feira, 15 de dezembro de 2011

NOVA TERTULIA LITERARIA

Hoxe, xoves 15 de decembro, no club de lectura de 3º ESO descubriremos os engados e misterios que aquela parede do Pazo de Soutelo, no concello de Vilarelle, albergou tantos anos na novela Corredores de sombras, de Agustín Fernández Paz.

Manterémosvos informad@s!

domingo, 11 de dezembro de 2011

PRESENTAMOS A NOVA LECTURA DO CLUB!

Todo o mundo agarda por unha resposta: e despois da marabillosa novela Ás de mosca para Anxo, que imos ler no club?

Velaquí a resposta...

Imos poñernos mans á obra (literaria) dunha novela de aventuras e terror que recrea o mito popular e literario do lobishome. Trátase dunha novela engaiolante que ambienta a historia nunha atmosfera desacougante a partir das fazañas e das crenzas sobre o lobo nas aldeas da montaña luguesa.

Agora que xa fomos dando pistas, toca ver a súa imaxe. Que vos parece esta portada tan suxestiva?

sexta-feira, 9 de dezembro de 2011

QUE É PARA TI UN LIBRO?

Un coñecido probervio hindú di que:
 
Un libro aberto é un cerebro que fala; pechado, un amigo que espera; esquecido, unha alma que perdoa; destruído, un corazón que chora.
 
 
E a vós que vos parece? Que é para vós un libro?
 

quinta-feira, 1 de dezembro de 2011

E DESPOIS DA TERTULIA LITERARIA...

... chegan sempre as lembranzas! 

A nosa tertulia sobre Ás de mosca para Anxo, da escritora Fina Casalderrey, foi tan grande en palabras e en sensacións compartidas, en intercambio de opinións, medos e risos, que non caberían neste blog, así que só podemos deixar algunha que outra lembranza fotográfica.

Xa estamos prepararando a seguinte! Ollo ao piollo!




segunda-feira, 28 de novembro de 2011

A PRIMEIRA TERTULIA LITERARIA XA CHEGA!

Este próximo mércores 30 de novembro reunirémonos na primeira tertulia literaria deste curso para falar, comentar e valorar as nosas impresións a partir da lectura de Ás de mosca para Anxo, escrito por Fina Casalderrey.

Para @s que aínda non vos decidistes a partillar estes encontros, irémosvos deixando por aquí as nosas impresións sobre esta lectura. 

Estade ben atent@s!

sexta-feira, 4 de novembro de 2011

QUE NOS CONTA AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ?

Como imaxinades que empezou Agustín Fernández Paz a escribir? 

E cando empezaría? 

Gustará de ler? Gustará de ler máis ou menos que de escribir?

Imos deixar que fale o propio Agustín! A ver que nos conta!

quinta-feira, 3 de novembro de 2011

LECTURAS EN MARCHA!

Xa temos as primeiras lecturas do club en marcha...
O grupo de 1º e 2º de ESO andan a voar coas Ás de mosca para Anxo, escrito por Fina Casalderrey, mentres que no grupo de 3º de ESO andan algo enredados entre Corredores de sombras, a historia inzada de intriga que imaxinou Agustín Fernández Paz.
Manterémosvos informad@s deica a nosa primeira tertulia, mais, mentres tanto, iremos sabendo algo dos dous autores.
Imos comezar con este vídeo de Fina Casalderrey. A ver que vos parece!

quarta-feira, 2 de novembro de 2011

PRESENTACIÓN PÚBLICA DO CLUB

O pasado venres presentámonos na biblioteca. Agora xa sabemos quen somos, como nos chamamos, de que curso somos, que materias impartimos... Mais, sobre todo, comprobamos que xa era hora de empezar!!!! 

O club de lectura arrancou e manterá velocidade de cruceiro todo un curso. A primeira parada será contra finais deste mes de novembro en que recalaremos na nosa primeira tertulia. Manterémosvos informad@s!

PD: Aos despistadiñ@s da foto agardámolos para a próxima! Que non disimulen, que o obxectivo os vai pillar igual!

segunda-feira, 31 de outubro de 2011

IMOS COA SEGUNDA ENQUISA...

Sabemos que ti non es un lector ou unha lectora calquera, ou si?
Sabemos que tes un lugar máis querido para ler... ou non?
Por que non nolo contas? 
Cal e o teu lugar de lectura favorito?

domingo, 23 de outubro de 2011

A PIQUES DE REMATAR A NOSA PRIMEIRA ENQUISA

Só resta un día para que poidades votar! Ánimo! Olla para a dereita da pantalliña e vota! Oportunidade histórica para quen non descubriu os segredos da lectura!!!

É A LECTURA UNHA BOA RECEITA CONTRA A IGNORANCIA?

E a vós que vos parece? Concordades co que se di nesta imaxe que anda a colar o sempre ocorrente Mortadelo? Ou non? 


Lembrade que precisamos argumentar as nosas opinións, sempre! Terán moito máis valor!

domingo, 16 de outubro de 2011

ARRANCA UN NOVO CURSO...

... tamén para o CLUB DE LECTURA "CORISTRANCA"!

Velaquí estamos, un curso máis -e xa van tres!-, con novos membros dispostos a ler e a falar, a deixarnos enredar polo fabuloso mundo das palabras.

Xa temos dous clubes "oficiais", mais aínda seguimos a fichar lectoras e lectores devoradores. Seguro que haberá boas sorpresas...

Mirade para a rapazada do club de lectura do IES Marco do Camballón (Vila de Cruces) que claro o ten e que ben saben convencer!



Imos comezar xa, mais aínda estás a tempo de probar... Agardámoste!

quinta-feira, 9 de junho de 2011

PRIMICIA MUNDIAL: CHEGAN DE NOVO OS MEGATOXOS!


Por fin chegou o novo título da serie d´Os Megatoxos do escritor Anxo Fariña. Mirade que portada máis chula e que título máis prometedor: Os Megatoxos e a cara oculta de Lúa.
Que lle acontecerá, logo, á enigmática protagonista desta panda, Lúa?
Iniciamos averiguacións nas vacacións que xa andan por aí batendo nas portas?

terça-feira, 7 de junho de 2011

QUE VOS PARECE ESTA NOVA?



Chamádeme Simbad, lectura que vivimos e partillamos en 3º de ESO co seu autor, Francisco Castro, no propio centro hai uns meses, xa pode ser lida en catalán e castelán. Que vos parece esta nova? Mirade, mirade e opinade...
http://www.editorialgalaxia.com/weblog/?p=10919

quinta-feira, 26 de maio de 2011

MES DAS LETRAS. TEMPO DE LOIS PEREIRO


Gozade da lectura e da escoita, na versión do músico Manu Clavijo, deste poema de Lois Pereiro, autor galego homenaxeado o pasado 17 de maio, Día das Letras Galegas.


En Leonberg. Lois Pereiro

"Bid adieu, adieu, adieu,
Bid adieu to girlish days".
J. JOYCE
("Chamber music", XI)


ABURRIDO
un olor a café
na indiferencia de Praga.
Prumas na cabeza, verde artificial.
Unha entrada excitante
para un xogo final de namorados.

Un tenor azul canta o turno da pasión cando
cae o único inocente.

Sobre o fondo exipcio
a testa ladeada, de perfil.


Pereiro, Lois (1996) Poemas para unha loia (A Coruña:Espiral Maior)

Manu Clavijo (1994)
http://www.youtube.com/watch?v=gyYkRr_78ZY

ENTREVISTA CON AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ


Aquí vos deixamos a entrevista dixital que mantivemos co multipremiado escritor galego Agustín Fernández Paz desde o club de lectura. A nós encantounos comunicarnos con el e agradecémoslle moito a súa atención e o seu tempo.

Ola, Agustín:
Somos un grupo de mozas de 1º de ESO, do CPI Alcalde Xosé Pichel de
Coristanco, que formamos parte do club de lectura "Coristranca, un club de
lectura con retranca".
Escribimos para dicirche que nos últimos meses lemos Lúa do Senegal e Trece anos de Branca. As dúas novelas nos gustaron moito, mais tamén queremos dicirche que a algunhas compañeiras do club nos sorprendeu como puideches facer para te meteres na pel dunha adolescente, e aínda por riba moza, sendo ti un home.
Como o conseguiches?
Queridas amigas de “Coristranca”:
Está ben o nome! Iso de club de lectura con retranca pode dar moito de si. Por se acaso, andarei con coidado nas miñas respostas ás preguntas que me facedes!
Pois si, Lúa do Senegal e Trece anos de Branca teñen protagonista feminina. E outros libros meus, tamén, xa o veredes cando leades outras novelas miñas (se vos apetece, xaora!).
Un narrador ten que saber crear personaxes diferentes, os que sexan, forma parte deste oficio meu de inventar historias. Como fixen para Branca e Khoedi? Pois, en primeiro termo, observando. Os que nos dedicamos a escribir andamos sempre a ollar o que pasa ao noso redor, somos como escáneres. E eu, ao longo da miña vida, coñecín moitas nenas e moitas rapazas, que para iso fun profe moitos anos. E teño unha filla. E coñezo as fillas de persoas amigas miñas… Así que, de aí, da experiencia, sae a miña primeira fonte.
Logo hai outra segunda, que é o que chamamos documentación. Hai libros onde se fala das pautas de comportamento da infancia e da mocidade, hai outras novelas… Mais o esencial é a observación.
E, por último, está a habilidade do escritor. Eu síntome moi cómodo falando desde unha voz narradora feminina, sei facela crible. E dígovos unha cousa: sabedes que teño un relato contado polo fantasma dun can? Está no libro O único que queda é o amor. Se sei facelo con esa voz narradora, cunha feminina ten que serme moito máis doado!

Tamén chamou a nosa atención, e así o comentamos na reunión que celebramos hoxe xoves 5 de maio, o final de Trece anos de Branca. Deixáchesnos moi intrigadas co que vai pasar no amor entre Branca e Lois.
Fóra do club, fixemos outras lecturas túas e démonos conta de que gustas de
deixares incógnitas nos finais para que nós discurramos da nosa cabeza. Falo
intencionadamente?
En canto aos finais... buff!! A min gústame deixalos abertos, nada de “foron felices e comeron perdices”. Gústame que o libro acabe nun momento dado, pero sabendo que a vida dos personaxes vai seguir, que non se acaba na novela. Con Branca xa curada, co vestido de estrea, que vai pasar con ela e con Lois? Pois non o sei, a verdade. Mesmo poden seguir ou poden distanciarse porque Branca se namora doutros, ou Lois tamén liga con outra rapaza... Calquera sabe! Eu comecei a novela cando ela enfermaba e remateina cando curaba. O resto, as lectoras sodes libres de imaxinar o que queirades. Así que xa vedes que si, que o fago de xeito intencionado. Porque tampouco sabemos como lle vai ir a Khoedi en Vigo, mesmo pode ser que se cruce comigo pola rúa e eu nin me decate!

Tiveches que investigar sobre medicina para ambientar a historia da enfermidade de Branca?
O da hepatite de Branca foi moi curioso. Na primeira versión que escribín, eu partíalle unha perna. Tiña un accidente en ximnasia, fracturaba un óso e non lle quedaba outra que estar coa perna enxesada na casa. Pero chegou un momento en que me deu pena, porque as fracturas despois seguen dando molestias cando vas maior, pareceume que era algo sádico con ela. Así que lle puxen unha enfermidade que tivo unha amiga miña cando eu era novo: esa hepatite non deixa secuelas, quedas curada de todo. Os escritores tamén temos o noso corazón!

Sen máis, queremos felicitarte polo teu traballo como escritor e
anunciámosche que podes seguirnos no noso blog:
http://coristranca.blogspot.com/
Agardamos polas próximas lecturas e enviámosche un saúdo grande desde "Coristranca, un club de lectura con retranca"
E xaora que hei entrar no voso blog! E máis dunha vez!
Máis nada por hoxe. Unha aperta ben grande para que se poida repartir entre todas (e que quede un anaquiño para a profe).

Agustín Fernández Paz

sexta-feira, 6 de maio de 2011

NOVA REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA



Velaquí as "probas gráficas" da nosa última reunión do club de lectura das alumnas de 1º de ESO e as profesoras. Trece anos de Branca foi a novela de Agustín Fernández Paz que nos convocou e sobre a que nos fixemos preguntas moi importantes.

segunda-feira, 2 de maio de 2011

ADIANTO DO NOVO LIBRO DE AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ


O próximo xoves 5 de maio o club de lectura de 1º e 2º de ESO reunirase para falar da lectura Trece anos de Branca, de Agustín Fernández Paz.
Deixámosvos aquí o pdf co adianto da súa próxima novela que sairá publicada a mediados de maio. Reparade neste comezo tan emocionante!
http://xerais.blogaliza.org/files/2011/04/Non_hai_noite_tan_longa.pdf

terça-feira, 19 de abril de 2011

LEMBRADES O RELATO "ESTA ESTRAÑA LUCIDEZ?"


Pois coa súa tradución ao inglés, Agustín Fernández Paz acaba de ser seleccionado como un dos melllores narradores do mundo pola editorial estadounidense Dalkey Archive Press.
Lede no xornal Galicia Hoxe a nova completiña, con todos os detalles!
http://www.galiciahoxe.com/mare/gh/estrana-lucidez/idEdicion-2011-04-19/idNoticia-660930/

Que vos parece? A literatura galega non sabe de fronteiras pechadas!
Parabéns para Agustín Fernández Paz por este relato e por toda a magnífica obra narrativa que leva escrito pensando na infancia e na mocidade, incluídos os Trece anos de Branca que andan a ler as mozas do club de lectura de 1º e 2º de ESO.

terça-feira, 12 de abril de 2011

NOVO PREMIO PARA UN DOS NOSOS ESCRITORES VISITANTES DESTE CURSO...


Francisco Castro, o autor de Chamádeme Simbad, lectura de 3º de ESO, que nos visitou recentemente, acaba de conseguir un importante premio concedido polo alumnado lector de varios centros galegos: Premio Martín Sarmiento.
Parabéns para el!

quinta-feira, 31 de março de 2011

O NOSO INSPECTOR LEO CALDAS EN SUECO?


Pois si. O inspector Leo Caldas, protagonista do libro que temos entre mans no club de lectura de 3º e 4º de ESO, A praia dos afogados, de Domingo Villar, a partir de agora tamén falará sueco. Que vos parece? A literatura galega moito dá que falar polo mundo! E parece que incluso pronto pode haber película no cine. Estaremos atentísim@s!
Lede, lede...
http://www.xornal.com/artigo/2011/03/30/cultura/leo-caldas-metese-no-terreo-do-inspector-wallander/2011033016402600292.html

terça-feira, 29 de março de 2011

NOVA XENTE E NOVO LIBRO


Ola a tod@s!
Cada día máis persoas se animan a ler e incorpóranse ao noso club de lectura CORISTRANCA.
Adiantámosvos que o novo libro que estamos a ler é Trece anos de Branca, de Agustín Fernández Paz, que está moi pero que moi requetebén!!!!!! Convidámosvos a ler e axudar a que o club siga a medrarrrrrrrrrr ;-)))))

quinta-feira, 24 de março de 2011

UNHA BOA NOVA LITERARIA GALEGA


Coristranca quere compartir convosco unha boa nova para a literatura galega. Os nosos escritores seguen a colocar a lingua galega no mundo mundial... Quédanvos as recomendacións das súas obras: O pintor do sombreiro de malvas, de Marcos Calveiro, e Contos para nenos que dormen deseguida, de Pinto e Chinto. A leeeeeer... sen medo!

http://www.galiciahoxe.com/mare/gh/calveiro-oqo-pinto-chinto-seleccionados-na-white-ravens/idEdicion-2011-03-24/idNoticia-652357/

segunda-feira, 21 de março de 2011

NOVA TERTULIA LITERARIA




Rematou a semana de exames, así que aquí estamos de novo parolando de libros, de música, de cine, de amor e desamor ou, mellor dito, de amores e desamores... que non sempre acaban ben...Aquí vos deixamos algunhas das nosas impresións que agardamos que vos conviden a ler O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz.

terça-feira, 15 de março de 2011

ÁNIMOS NESTA SEMANA DE EXAMES!


Desde o Club de Lectura Coristranca queremos darvos moitos ánimos para que estudedes moito nesta semana de fin da segunda avaliación e consigades os mellores resultados. E se sentides o mesmo que Mafalda, xa sabedes: os nervios sempre se deixan na casa, porque non caben no autobús ;-)

NOVA TERTULIA LITERARIA DE 1º E 2º ESO




Ola seguidores e seguidoras do noso blog!
Aquí vos deixamos a testemuña do magnífico encontro-tertulia que mantivemos o pasado xoves 10 de marzo na biblioteca, acompañados dun protagonista de excepción: o neno Balbino, un rapaz de aldea, un ninguén... como di o comezo de Memorias dun neno labrego que este ano cumpre 50 ANOS!!!!
A nosa "desculpa" para a tertulia desta volta foi unha lectura que nos encantou e que vos recomendamos: Lúa do Senegal, do escritor chairego Agustín Fernández Paz.

segunda-feira, 28 de fevereiro de 2011

A PANDA DAS LETRAS



O prometido é débeda, así que aquí vos deixamos a crónica visual do encontro que mantiveron os alumnos e alumnas de 3º ESO do noso centro, hoxe mesmo, con Francisco Castro, autor de Chamádeme Simbad.
Perdestes este encontro, mais non deberiades perdervos esta lectura ou outras moitas do escritor que de seguro que vos van encantar.

quarta-feira, 23 de fevereiro de 2011

ROSA ANEIROS E NÓS


Velaquí vos deixamos a proba gráfica e irrefutábel do paso da escritora Rosa Aneiros polo noso centro. As testemuñas deste encontro irémosvos deixando por aquí comentarios coas impresións que deixou en nós esta tertulia literaria ao redor dos fíos narrativos que entrecruzan a súa novela Ás de bolboreta. Non volo perdades!

terça-feira, 22 de fevereiro de 2011

CITA COA ESCRITORA ROSA ANEIROS



A sesión da tarde de hoxe será diferente para o alumnado de 4º ESO, xa que recibirán a escritora galega multipremiada Rosa Aneiros, a autora da novela Ás de bolboreta que remataron de ler recentemente.

Seguro, seguro que nos van deixar por aquí as impresións deste encontro... Atent@s!

quinta-feira, 10 de fevereiro de 2011

HOXE PRESENTÁMOSVOS A...


FRANCISCO CASTRO, o autor do Chamádeme Simbad, a novela que estivo a ler o alumnado de 3º da ESO do noso centro.

Xa vos anunciamos que o luns 28 de febreiro virá visitarnos desde Vigo para falar deste modernísimo Simbad, o neno protagonista que adora o seu avó, aínda que ás veces se lle esqueza o seu nome, as palabras, o lugar onde vive ou incluso quen é. Unha lectura para a emoción e a reflexión.

terça-feira, 8 de fevereiro de 2011

AMOR OU DESAMOR?


De verdade o único que queda é o amor ou o desamor? Descúbrenolo Agustín Fernández Paz nesta entrevista.
Atent@s ás súas palabras!
http://elprogreso.galiciae.com/nova/3283.html

KHOEDI DÁNOS UNHA LECCIÓN DE DIVERSIDADE LINGÜÍSTICA


Das dezaoito linguas que temos no Senegal eu só sei o wolof e o francés, que son as que utilizamos na casa. Con papá falo máis en francés e con mamá, en wolof. Entre eles empregan as dúas, aínda que quizais o fagan con máis frecuencia en wolof. E mamá, cando se enfada, sempre cambia ao diola, que é a lingua que utilizou toda a vida para relacionarse con Mamá Feriane. Papá tamén sabe inglés e as dúas linguas de aquí. Polas noites, para que vaiamos aprendendo cada vez máis, fálanos en castelán ou en galego, que se asemellan moito entre si e se parecen bastante ao francés.

quinta-feira, 3 de fevereiro de 2011

LECTURA - AUDIO

E que tal se, ademais de lermos en silencio e solitariamente O único que queda é o amor, escoitamos un pequeno fragmento do relato titulado "Esta estraña lucidez" na propia voz do autor?Escoitade, escoitade...


E como seguramente xa estaredes desexando comezar a ler a narrativa cargada de misterio de Agustín Fernández Paz, picade neste enlace e viaxaredes dereitiñas e dereitiños ao mundo de Corredores de sombra. Non vola perdades, non hai escusa porque tamén está na nosa biblioteca de secundaria.



quarta-feira, 2 de fevereiro de 2011


As mozas do club de lectura de 1º e 2º de ESO xa prendemos nas páxinas dun novo libro. Tamén é Agustín Fernández Paz o autor de Lúa do Senegal, un relato no que, da man de Khoedi, unha nena inmigrante senegalesa que vén vivir a Vigo, coñecemos as diferenzas entre dous mundos aparentemente opostos, pero que comparten algo único: a mesma lúa e quizais tamén os soños.

Velaquí vos deixamos unha primeira achega fotográfica ao autor e a súa creación literaria.

O ÚNICO QUE QUEDA É O AMOR


Non pensedes que os membros do club de lectura xa entramos na fase namoradiza propia deste mes de febreiro. Ou si? Se cadra! Deixa a ver...

Polo de agora no que si andamos enredadas e enredados todo o equipo de 3º e 4º de ESO, mais as profesoras, é na lectura do libro de relatos O único que queda é o amor de Agustín Fernández Paz. Un conxunto de historias cun eixo común: o amor en todas as súas variantes. Irémosvos contando... Estade atent@s, se queredes saber de amor e amores.

domingo, 30 de janeiro de 2011

E TI QUE PENSAS...


... CANDO ESTÁS A LER?
ES DOS QUE SENTEN VOAR AS BOLBORETAS NO ESTÓMAGO?
OU ES DAS QUE TREMEN DE MEDO COMO UNHA VARA VERDE?
OU ES DESAS PERSOAS QUE ESCACHAN A RIR SEN PARAR?
OU POS CARA DE INTERROGANTE?

terça-feira, 25 de janeiro de 2011

DESVELANDO CURIOSIDADES


Como se converte unha persoa en escritora? Cando? Por que?

Quen non se fixo estas preguntas algunha vez na vida?

Imos coñecer de primeira man como e cando comezou a escribir Xabier P. Docampo, o autor das historias temerosas que aconteceron nestes últimos meses Cando petan na porta pola noite.

Imaxinabas uns comezos así?

O PROMETIDO ERA DÉBEDA...




... e chegou a hora da nosa tertulia literaria de sobremesa. E non sen certos medos porque xa se sabe o que acontece cando petan na porta pola noite... Pois que pode aparecer o Fornadas, ou a Loba, ou un traballador da forxa que é idéntico a un viaxeiro perdido nunha noite de forte nevarada, ou un cumpremortes... quen sabe?


A nós quedounos bastante claro que é iso dos medos, mais algunhas preguntas quedaron pendentes detrás da porta para lle preguntarmos proximamente ao propio autor, Xabier P. Docampo.