domingo, 30 de janeiro de 2011

E TI QUE PENSAS...


... CANDO ESTÁS A LER?
ES DOS QUE SENTEN VOAR AS BOLBORETAS NO ESTÓMAGO?
OU ES DAS QUE TREMEN DE MEDO COMO UNHA VARA VERDE?
OU ES DESAS PERSOAS QUE ESCACHAN A RIR SEN PARAR?
OU POS CARA DE INTERROGANTE?

terça-feira, 25 de janeiro de 2011

DESVELANDO CURIOSIDADES


Como se converte unha persoa en escritora? Cando? Por que?

Quen non se fixo estas preguntas algunha vez na vida?

Imos coñecer de primeira man como e cando comezou a escribir Xabier P. Docampo, o autor das historias temerosas que aconteceron nestes últimos meses Cando petan na porta pola noite.

Imaxinabas uns comezos así?

O PROMETIDO ERA DÉBEDA...




... e chegou a hora da nosa tertulia literaria de sobremesa. E non sen certos medos porque xa se sabe o que acontece cando petan na porta pola noite... Pois que pode aparecer o Fornadas, ou a Loba, ou un traballador da forxa que é idéntico a un viaxeiro perdido nunha noite de forte nevarada, ou un cumpremortes... quen sabe?


A nós quedounos bastante claro que é iso dos medos, mais algunhas preguntas quedaron pendentes detrás da porta para lle preguntarmos proximamente ao propio autor, Xabier P. Docampo.

sexta-feira, 21 de janeiro de 2011

MAGNÍFICA TERTULIA GRAZAS A XOEL!



Falamos moito hoxe, contrastamos opinións, coincidimos con Xoel nalgúns gustos, rimos, aprendemos vocabulario (unha palabra que se repite moito no texto, "abúlico", desconcertounos durante a lectura...), emocionámonos con versos que veñen no libro e case chegamos a visualizar a casa dunha compañeira do club de lectura que vive entre a recta de Santa Comba e Carballo, un lugar por onde transita Xoel mentres está aprendendo, sen sabelo, a voar.

E sorprendémonos, porque, quen ía pensar que o Merlo Branco é quen ao final resulta ser?

Que queredes que volo digamos? Diso nada! O segredo está no libro agardando por ti!

Graciñas a Marica Campo por escribir e agasallarnos esta fermosa historia!

quinta-feira, 20 de janeiro de 2011

O VENRES 21 DE XANEIRO SERÁ O DÍA DE...


... descubrir quen é o Merlo Branco que consegue motivar a Xoel para se converter nun neno activo, inquieto, curioso, que aprende a voar.

Quen era esta man amiga tan inesperada?

Porque xa sabemos que non todo na vida son os computadores, Play Station, Mp4, Ipad, Wii, Chat, Messenger... non si?

No Club de Lectura Coristranca sabemos que hai moitos máis "enredos" na vida nos que prender... o tempo. Manterémosvos informad@s, descoidade!

50 ANOS LENDO AS MEMORIAS DUN NENO LABREGO!


O 5 de xaneiro de 1961 saían do prelo as Memorias dun neno labrego que escribiu o prolífico autor Xosé Neira Vilas. Unha obra que xa é cualificada best-seller da literatura galega, pois son centos de miles os lectores e lectoras que teñen rido e chorado coas experiencias de Balbino, o neno protagonista, no que tantas xeracións de galegas e galegos habitantes do mundo rural se teñen visto reflectidos. Iremos falando ao longo do curso desta lectura que celebra os seus primeiros 50 anos de vida e que, desde xa, vos recomendamos.

Mentres, para abrirmos o curioso padal, velaquí vos deixamos as súas primeiras liñas:

EU SON...

BALBINO. Un rapaz de aldea. Coma quen dis, un ninguén. E ademais, pobre. Porque da aldea tamén é Manolito, e non hai quen lle tusa, a pesares do que lle aconteceu por causa miña.

No verán ando descalzo. O pó quente dos camiños faime alancar. Magóanme as areas e nunca falta algunha brocha para espetárseme nos pés. Érgome con noite pecha, ás dúas ou tres da mañá, para ir co gando, restrebar ou xuntar monllos. Cando amañece xa me doi o lombo e as pernas. Pero o día comenza. sede, sol, moxardos.

quarta-feira, 19 de janeiro de 2011

sexta-feira, 7 de janeiro de 2011

125 ANOS DESPOIS SEGUIMOS A DESCUBRIR A CASTELAO



A comezos de 1886 nacía en Rianxo o escritor, artista plástico e político nacionalista Afonso Daniel Rodríguez Castelao. Esta efeméride podería ser unha boa escusa para relérmolo ou para descubrírmolo como narrador, caricaturista, humorista, dramaturgo, ensaísta, etc.

Quen se anima?
Por aquí podedes pasear pola súa liña do tempo biográfico: www.museocastelao.org/biografia.html

A próxima ruta será a través da súa obra narrativa. Preparádevos para comezar con garbo o Ano Castelao 2011!
Por certo, Feliz Aninovo Lector, para todas e todos, amig@s da lectura!