quinta-feira, 26 de maio de 2011

MES DAS LETRAS. TEMPO DE LOIS PEREIRO


Gozade da lectura e da escoita, na versión do músico Manu Clavijo, deste poema de Lois Pereiro, autor galego homenaxeado o pasado 17 de maio, Día das Letras Galegas.


En Leonberg. Lois Pereiro

"Bid adieu, adieu, adieu,
Bid adieu to girlish days".
J. JOYCE
("Chamber music", XI)


ABURRIDO
un olor a café
na indiferencia de Praga.
Prumas na cabeza, verde artificial.
Unha entrada excitante
para un xogo final de namorados.

Un tenor azul canta o turno da pasión cando
cae o único inocente.

Sobre o fondo exipcio
a testa ladeada, de perfil.


Pereiro, Lois (1996) Poemas para unha loia (A Coruña:Espiral Maior)

Manu Clavijo (1994)
http://www.youtube.com/watch?v=gyYkRr_78ZY

ENTREVISTA CON AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ


Aquí vos deixamos a entrevista dixital que mantivemos co multipremiado escritor galego Agustín Fernández Paz desde o club de lectura. A nós encantounos comunicarnos con el e agradecémoslle moito a súa atención e o seu tempo.

Ola, Agustín:
Somos un grupo de mozas de 1º de ESO, do CPI Alcalde Xosé Pichel de
Coristanco, que formamos parte do club de lectura "Coristranca, un club de
lectura con retranca".
Escribimos para dicirche que nos últimos meses lemos Lúa do Senegal e Trece anos de Branca. As dúas novelas nos gustaron moito, mais tamén queremos dicirche que a algunhas compañeiras do club nos sorprendeu como puideches facer para te meteres na pel dunha adolescente, e aínda por riba moza, sendo ti un home.
Como o conseguiches?
Queridas amigas de “Coristranca”:
Está ben o nome! Iso de club de lectura con retranca pode dar moito de si. Por se acaso, andarei con coidado nas miñas respostas ás preguntas que me facedes!
Pois si, Lúa do Senegal e Trece anos de Branca teñen protagonista feminina. E outros libros meus, tamén, xa o veredes cando leades outras novelas miñas (se vos apetece, xaora!).
Un narrador ten que saber crear personaxes diferentes, os que sexan, forma parte deste oficio meu de inventar historias. Como fixen para Branca e Khoedi? Pois, en primeiro termo, observando. Os que nos dedicamos a escribir andamos sempre a ollar o que pasa ao noso redor, somos como escáneres. E eu, ao longo da miña vida, coñecín moitas nenas e moitas rapazas, que para iso fun profe moitos anos. E teño unha filla. E coñezo as fillas de persoas amigas miñas… Así que, de aí, da experiencia, sae a miña primeira fonte.
Logo hai outra segunda, que é o que chamamos documentación. Hai libros onde se fala das pautas de comportamento da infancia e da mocidade, hai outras novelas… Mais o esencial é a observación.
E, por último, está a habilidade do escritor. Eu síntome moi cómodo falando desde unha voz narradora feminina, sei facela crible. E dígovos unha cousa: sabedes que teño un relato contado polo fantasma dun can? Está no libro O único que queda é o amor. Se sei facelo con esa voz narradora, cunha feminina ten que serme moito máis doado!

Tamén chamou a nosa atención, e así o comentamos na reunión que celebramos hoxe xoves 5 de maio, o final de Trece anos de Branca. Deixáchesnos moi intrigadas co que vai pasar no amor entre Branca e Lois.
Fóra do club, fixemos outras lecturas túas e démonos conta de que gustas de
deixares incógnitas nos finais para que nós discurramos da nosa cabeza. Falo
intencionadamente?
En canto aos finais... buff!! A min gústame deixalos abertos, nada de “foron felices e comeron perdices”. Gústame que o libro acabe nun momento dado, pero sabendo que a vida dos personaxes vai seguir, que non se acaba na novela. Con Branca xa curada, co vestido de estrea, que vai pasar con ela e con Lois? Pois non o sei, a verdade. Mesmo poden seguir ou poden distanciarse porque Branca se namora doutros, ou Lois tamén liga con outra rapaza... Calquera sabe! Eu comecei a novela cando ela enfermaba e remateina cando curaba. O resto, as lectoras sodes libres de imaxinar o que queirades. Así que xa vedes que si, que o fago de xeito intencionado. Porque tampouco sabemos como lle vai ir a Khoedi en Vigo, mesmo pode ser que se cruce comigo pola rúa e eu nin me decate!

Tiveches que investigar sobre medicina para ambientar a historia da enfermidade de Branca?
O da hepatite de Branca foi moi curioso. Na primeira versión que escribín, eu partíalle unha perna. Tiña un accidente en ximnasia, fracturaba un óso e non lle quedaba outra que estar coa perna enxesada na casa. Pero chegou un momento en que me deu pena, porque as fracturas despois seguen dando molestias cando vas maior, pareceume que era algo sádico con ela. Así que lle puxen unha enfermidade que tivo unha amiga miña cando eu era novo: esa hepatite non deixa secuelas, quedas curada de todo. Os escritores tamén temos o noso corazón!

Sen máis, queremos felicitarte polo teu traballo como escritor e
anunciámosche que podes seguirnos no noso blog:
http://coristranca.blogspot.com/
Agardamos polas próximas lecturas e enviámosche un saúdo grande desde "Coristranca, un club de lectura con retranca"
E xaora que hei entrar no voso blog! E máis dunha vez!
Máis nada por hoxe. Unha aperta ben grande para que se poida repartir entre todas (e que quede un anaquiño para a profe).

Agustín Fernández Paz

sexta-feira, 6 de maio de 2011

NOVA REUNIÓN DO CLUB DE LECTURA



Velaquí as "probas gráficas" da nosa última reunión do club de lectura das alumnas de 1º de ESO e as profesoras. Trece anos de Branca foi a novela de Agustín Fernández Paz que nos convocou e sobre a que nos fixemos preguntas moi importantes.

segunda-feira, 2 de maio de 2011

ADIANTO DO NOVO LIBRO DE AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ


O próximo xoves 5 de maio o club de lectura de 1º e 2º de ESO reunirase para falar da lectura Trece anos de Branca, de Agustín Fernández Paz.
Deixámosvos aquí o pdf co adianto da súa próxima novela que sairá publicada a mediados de maio. Reparade neste comezo tan emocionante!
http://xerais.blogaliza.org/files/2011/04/Non_hai_noite_tan_longa.pdf