sábado, 24 de dezembro de 2011

BO NADAL!

A todas as persoas que nos acompañades para dar a man aos libros, CORISTRANCA quere desexarvos unhas BOAS FESTAS.

E lembrade que...

Para viaxar lonxe, non hai mellor nave que un libro.

Emily Dickinson (1830-1886) Poeta estadounidense

sexta-feira, 16 de dezembro de 2011

PALABRA DE AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ...

Non imaxinades como soa a escrita de Agustín Fernández Paz na súa propia voz?



Partillamos convosco o enlace á audición que escoitamos ao final da nosa tertulia literaria: http://www.aelg.org/Centrodoc/GetPageById.do?id=obra2033&format=3&orde=1

Agardamos as vosas opinións... e non esquezades que os exemplares da novela agardan por vós na biblioteca do centro.

TARDE CON AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Onte á tarde a nosa tertulia literaria contou coas lectoras e lector da novela Corredores de sombra

"Visitounos" o autor, Agustín Fernández Paz, desde unha entrevista concedida recentemente á prensa por mor do importantísimo Premio Iberoamericano SM de Literatura Infantil que lle concederon recentemente na Feira do Libro de Guadalajara (México) e tamén desde a pantalla do computador escoitando a lectura dun anaquiño desta novela na súa propia voz.

Sen dúbida, foi unha tarde diferente e moi agradábel. Va que xa vos estamos a dar envexa? ;-)

quinta-feira, 15 de dezembro de 2011

NOVA TERTULIA LITERARIA

Hoxe, xoves 15 de decembro, no club de lectura de 3º ESO descubriremos os engados e misterios que aquela parede do Pazo de Soutelo, no concello de Vilarelle, albergou tantos anos na novela Corredores de sombras, de Agustín Fernández Paz.

Manterémosvos informad@s!

domingo, 11 de dezembro de 2011

PRESENTAMOS A NOVA LECTURA DO CLUB!

Todo o mundo agarda por unha resposta: e despois da marabillosa novela Ás de mosca para Anxo, que imos ler no club?

Velaquí a resposta...

Imos poñernos mans á obra (literaria) dunha novela de aventuras e terror que recrea o mito popular e literario do lobishome. Trátase dunha novela engaiolante que ambienta a historia nunha atmosfera desacougante a partir das fazañas e das crenzas sobre o lobo nas aldeas da montaña luguesa.

Agora que xa fomos dando pistas, toca ver a súa imaxe. Que vos parece esta portada tan suxestiva?

sexta-feira, 9 de dezembro de 2011

QUE É PARA TI UN LIBRO?

Un coñecido probervio hindú di que:
 
Un libro aberto é un cerebro que fala; pechado, un amigo que espera; esquecido, unha alma que perdoa; destruído, un corazón que chora.
 
 
E a vós que vos parece? Que é para vós un libro?
 

quinta-feira, 1 de dezembro de 2011

E DESPOIS DA TERTULIA LITERARIA...

... chegan sempre as lembranzas! 

A nosa tertulia sobre Ás de mosca para Anxo, da escritora Fina Casalderrey, foi tan grande en palabras e en sensacións compartidas, en intercambio de opinións, medos e risos, que non caberían neste blog, así que só podemos deixar algunha que outra lembranza fotográfica.

Xa estamos prepararando a seguinte! Ollo ao piollo!