quarta-feira, 26 de dezembro de 2012

FALADOIRO COA ESCRITORA LEDICIA COSTAS

 Logo da nosa tertulia na biblioteca do pasado luns, confirmamos que queriamos coñecer máis a fondo a Ledicia Costas e o proceso de escrita da súa obra Unha estrela no vento.

E quen mellor ca ela para nos responder? Pois velaquí a entrevista que lle fixemos por correo electrónico e que tan amabelmente nos respondeu ben axiña.

Grazas, Ledicia, polas palabras xenerosas!



ENTREVISTA A LEDICIA COSTAS


1.Unha estrela no vento foi publicada por primeira vez en 2000. Doce anos despois e tras dez edicións que a converten nun auténtico bestseller, escribirías esta novela do mesmo xeito ou mudarías algo na redacción?

Penso que cada texto pertence a un tempo concreto. Eu xa non escribo igual que entón. Hoxe plantexaría o libro doutro xeito, mudaría moitas cousas. Pero o libro xa non sería o mesmo. Así que alégrome de telo escrito daquela! 



2. Segundo ti, cal é o segredo deste libro?


O libro nace dunha serie de feitos que condicionaron a miña adolescencia. Hai moito de ficción, si. Pero a atmosfera que latexa no libro é a que eu respiraba cada día. Chegaba á casa do instituto e me poñía a escribir. Talvez por iso o libro funciona, porque está escrito por unha adolescente.


3. Agustín Fernández Paz di que se escribe cos fíos da vida. Ti, en que te baseaches?


Eu non son quen de dicilo dun xeito tan fermoso coma Agustín, pero si, por suposto que se escribe cos fíos da vida. Unha estrela no vento nace das vivencias no instituto de bacharelato no que estudei. O punto de inflexión para empezar a novela foi unha malleira que lle deron a un compañeiro. Partíronlle unha botella na cabeza. As pelexas estaban á orde do día e o alcohol e outras drogas tiñan moito que ver en todo aquilo. Todas esas cousas, os fíos da vida como diría Agustín, fixeron que o libro fose medrando pouco a pouco.


4. Como naceu o título? Ao final da escrita da novela ou xa o tiñas pensado antes?


Os títulos danme moito traballo. Sempre os deixo para o final. Adoito poñerlles aos libros títulos provisionais ata que remato o orixinal e xa non queda outra que chamarlle dalgún xeito.


5. Actuarías como Miguel, aceptando facer os deberes e estudar, ao decatáreste de que, en realidade, aquela profesora que semellaba un ogro estaba a se preocupar por ti?


Sen dúbida. Cando che tenden unha man, hai que saber responder.


6. Que te levou a encabezar os capítulos con letras de cancións de grupos musicais? Por que eses grupos?


Parecíame un xeito de ambientar a historia, de poñerlle banda sonora. A música é moi importante na vida dunha persoa, pero creo que durante a adolescencia esa pulsión é especialmente intensa. As cancións que aparecen no libro eran as mesmas que eu escoitaba naquel tempo.


7. Por que optaches por un final tan radical?


Na época en que escribín a novela as pelexas de bandas eran en Vigo unha especie de febre. Nunha desas pelexas, morreu un rapaz acoitelado no medio da rúa. Imaxino que ese feito condicionou o final da historia. Outra vez os fíos da vida xogando o seu papel…





8. Recentemente, acabas de publicar unha novela - O corazón de Xúpiter- e un poemario -Xardín de inverno- Sénteste igual de cómoda nos dous xéneros?


Creo que na escrita son algo cíclica. Hai épocas nas que só escribo poesía porque é coma se todo o que me rodease me fose levando a iso. E hai outras épocas nas que quero meterme nunha historia e tratar de sacarlle todo o partido, vivir cos personaxes. Levo xa moitos meses implicada en varios proxectos narrativos, así que creo que pronto volverei mudar de ciclo!


9. Pereledi é un acrónimo que nace dos nomes de dous escritores, Pere Tobaruela e Ledicia Costas e que están publicando literatura escrita a catro mans. Como se vive e se organiza esta experiencia de escribir a catro mans?


Dúas cabezas pensan máis que unha. Pola mesma regra, catro mans escriben máis que dúas. Así que é cuestión de dividir traballo e xuntar esforzos. E discutir. Discutir moito, no bo sentido do termo.


10. Que representa o oficio de escribir na túa vida?


Escribir é unha escolla. Eu non podo concibir a vida sen literatura. Faltaríame o aire. Levo escribindo desde sempre, desde que teño uso de razón. Cando hai unha época na que por algún motivo non me dá o tempo para escribir, síntome rara. Coma se estivese chovendo e non levase paraugas, ou coma se eu andase por aí sen abrigo nun día de 3 graos. Á intemperie. Supoño que a escrita é o meu acubillo. O lugar onde son realmente eu.

sexta-feira, 21 de dezembro de 2012

TOP TEN DAS LETRAS 2012

Disquecool, o portal de tendencias made in Galicia, seleccionou estas dez novas relacionadas co mundo das letras como balance de 2012.

Dádelle unha olladela se queredes ser "in" e non estar "out" no tema :)

Xa imos tomando nota daqueles autores e títulos aos que aínda non lle metemos o dente, mais desde xa recomendámosvos que non vos perdades a lectura do number 2.

Asegurámosvos que Laura no deserto, novela escrita por Antón Riveiro Coello, será unha lectura que vos marcará profundamente.


terça-feira, 18 de dezembro de 2012

CARTA DE LECTURAS PARA O NADAL


Acéptanse todo tipo de suxestións lectoras para estas vacacións de nadal.

Novidades ou clásicos que non podemos deixar de ler?

Poesía, novela, relato breve, novela gráfica, cómic, teatro, ensaio? Que tal de todo un pouco?

Imos ir deixando por aquí algunhas lecturas imperdíbeis:

http://espazolectura.blogspot.com.es/ 
http://blog.xerais.es/2012/terror-e-tension-estupenda-mostra-de-novela-grafica-cartas-de-inverno-de-antonio-seijas-critica-de-montse-pena-presas/   
http://www.editorialgalaxia.com/catalogo/libro.php?id_libro=0010960182   
http://xerais.es/libro.php?id=2947421

TERTULIANAS EN MARCHA...

Aquí estivemos de faladoiro literario o pasado luns.

Bonita, (im)previsíbel, sorprendente, realista, áxil, fresca... foron algúns dos adxectivos cos que foi cualificada a lectura da novela Unha estrela no vento de Ledicia Costas.

Tamén houbo quen opinou que o seu final era inxusto e quen soubo ver nesta narración unha magnífica oportunidade para crear lectores.

E como non, chegou a discrepancia na interpretación do comportamento do personaxe principal, Miguel, en relación á súa profe de literatura ... :)

Coma sempre, escoitámonos atentamente o moito que cada unha de nós gardaba no seu interior e pasamos un anaquiño de tarde de auténtica sobremesa!





segunda-feira, 17 de dezembro de 2012

LECTURAS PARA O NADAL

Seguro que non se nos vai esquecer pedirlle algún libro ao Apalpador, aos Reis Magos, a Papá Noel ou a todos xuntos. Post@s a pedir!!!

Por se vos dá algunha idea especial para seguirdes lendo á espera dos agasallos, velaquí vos deixamos unha suxestiva ilustración...


sábado, 15 de dezembro de 2012

UNHA HISTORIA LEVA A OUTRA HISTORIA

É habitual en certos autores a capacidade de sedución para introducir a quen está a ler noutra realidade externa á propia historia que se conta.

Puidémolo comprobar na nosa lectura anterior e renovámolo agora na novela de Ledicia Costas. De cando en vez, unha pincelada que convén explorar.

Lembrades en que momento se fala deste cadro de Salvador Dalí?

Cisnes reflectindo elefantes


CHEGA UNHA NOVA TERTULIA...

... á biblio do CPI Alcalde Xosé Pichel este LUNS 17 DE DECEMBRO a partir das 15:10. 

Que mellor sobremesa?

Falaremos de Miguel, de Reina, de Abel, de Xoan, do Maqui, do Bruto...

E, como non!, visitaremos o Lagoa... 

Imos avanzando algo aos ollos que nos asexan desde fóra sobre a nosa impresión da lectura da novela de Ledicia Costas, Unha estrela no vento?

Que palabra pensades que pode definir esta lectura?

segunda-feira, 3 de dezembro de 2012

NOVIDADE EDITORIAL DE AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ


Rematamos unha lectura de Agustín e xa temos outra a agardar por nós.

O rastro que deixamos é o título agora publicado e nel imos atopar un regueiro de episodios fundamentais na súa vida, retallos da memoria que nos permiten achegarnos á ética e mais á poética do escritor.

Que sorpresas persoais nos gardará este novo libro? Se cadra pode ser este un bo agasallo de nadal?
Imos escoitar as palabras do propio autor no programa Eirado desta pasada fin de semana.
 

domingo, 2 de dezembro de 2012

QUERES SER UN SER LIBRIS?


Coñeciamos a expresión latina "Ex libris", que significa literalmente "dos libros" e que se usa para determinar a propiedade dun libro. Un "ex libris" di moito da dona ou dono dese libro, pois é algo moi persoal.

Mais, que será iso de "ser libris"?

Imos velo... 


terça-feira, 27 de novembro de 2012

SORPRESA!!!!!!

Estabamos á espera das respostas de Agustín Fernández Paz ás nosas preguntas e chegaron de contadiño.

Velaquí están, recén tiradiñas do forno da conversa dixital.

Dámoslle as grazas a Agustín, o escritor que nos acompañou nesta primeira estación onde o club fixo parada lectora.

Agustín na súa mesa de traballo 




P. A diferenza doutras obras túas que temos lidas, neste caso encontrámonos cun conxunto de relatos breves e non con novelas de maior ou menor extensión. En que rexistro te encontras máis cómodo?

R. Escribir contos gústame moito, é diferente de escribir unha novela. A novela esixe unha dedicación plena durante varios meses, meterte nun mundo que tes que ir creando. O conto, pola contra, é coma unha carreira de velocidade: predomina a intensidade sobre a extensión.
Atópome cómodo nos dous rexistros; eu creo que cada historia pide a súa extensión, e mesmo un estado de ánimo distinto.

P. Calquera dos relatos do libro podería ter un desenvolvemento maior, é dicir, podería chegar a ser unha novela?

R. Se cadra, algún si, pero outros non. “A porta do Alén” e “O pozo”, de querermos amplialos, seguro que daban máis de si, habería que crear outras subtramas. Pero concibinos como contos, así que iso obriga a unha concisión maior.

P. Sorprendeunos a importante documentación que achega o relato "A Porta do Alén". Como foi o proceso de documentación para ambientar o relato?

R. Todas as historias que escribo teñen unha documentación detrás. Iso é moi importante, porque axuda a escribir con seguridade o relato e que esa seguridade se transmita aos lectores. Neste caso, mergulleime na tradición celta sobre o Alén e a noite do Samaín, cando se abren as fronteiras entre os dous mundos. E tamén me metín no esoterismo, todo o relacionado co pentáculo de Salomón, sobre o que hai moito escrito. Sobre megálitos non me fixo falta, porque xa sei moito dese tema.

P. Tamén nos chamou moito a atención "A mirada de K". Cal foi o elemento inspirador que deu pé a esta historia?

R. O elemento inspirador saíu desa reunión en Boloña á que fago referencia na dedicatoria. O influxo que podía exercer unha caveira. A partir de aí, fun trenzando o relato (tamén me tiven que documentar sobre o Tarot!)

P. Existe a casa e, sobre todo, o pozo de Pontedeume do relato O Pozo?

R. Non, non existen. Elixín Pontedeume porque é unha vila que coñezo ben, cadrábame para a historia. E, en canto ao pozo, tiña na memoria outros pozos semellantes en Vilalba, na miña infancia. De calquera xeito, tamén busquei documentación sobre pozos e sobre outros detalles arquitectónicos.

P. Ao igual que noutros libros teus, tamén este nos achegou información extraliteraria, como é o paseo pola pintura de Magritte. Por que escolliches este autor para o relato?

R. Gústame introducir outras informacións, sobre todo se encaixan ben co que quero contar. E a Magritte xa tiña ganas de metelo desde hai tempo, porque os seus cadros parécenme moi narrativos e dunha grande creatividade. Recoméndovos que lles deades unha ollada, ides quedar abraiadas/os. Ademais, atopei un cadro que tiña o título axeitado para a historia que estaba a contar.

P. O relato "Os fillos de Hamlet" fixo revivir, especialmente, nas profesoras medos da súa adolescencia, como os perigos de facer autostop e as advertencias dos seus pais e nais. As alumnas, pola contra, non o sentimos da mesma maneira. Quere isto dicir que os medos mudan co paso do tempo?

R. Non só mudan co paso do tempo, senón que cada persoa ten os seus específicos. Algo que a min me dá medo, pode non darlle ningún a outra persoa, é viceversa. Malo será que, se fas autostop, teñas tan mala sorte coma os pobres actores!

P. Este libro nace como unha homenaxe a Lovecraft; é o teu escritor de medo favorito? Dentro deste subxénero literario, tes algún outro?

R. Concibín o libro como un conxunto de contos de medo. A medida que o escribía, foi madurando a idea de que Lovecraft tivese presenza importante. En relatos como “O pozo” ou “Os fillos de Hamlet” é onde máis se nota a súa influencia. Ademais deste home, gústanme especialmente Edgar Allan Poe e un inglés chamado M. R. James.

P. Que lectura nos recomendarías deses autores?

R. De Poe, recomendaríavos unha selección dos seus contos (hai varias en galego, O escaravello de ouro está ben) e a súa novela Narración de Arthur Gordon Pym, que tamén temos en galego.
De Lovecraft, os de Urco Editorial editaron ultimamente algúns dos libros deste autor. En Xerais hai unha selección de contos, poden servir de aperitivo. Pero ten relatos longos e novelas que son do mellor: O caso de Charles Dexter Ward, O horror de Dunwich, A sombra sobre Insmouth...

P. Hai unhas semanas traballamos en clase co texto "Teño medo..." co que Xabier P. Docampo se despide no seu libro Cando petan na porta pola noite. Lembras os teus medos de adolescente?

R. Quen non tivo medos? Quen nos os ten aínda hoxe? Varían cos anos. Os da adolescencia quédanme lonxe, creo que non vos diría máis ca tópicos (medo a non ter amigos, medo a perder os seres queridos... En todo caso, contéstovos cuns versos de Rosalía: “Teño medo á desgracia traidora / que vén e non se sabe de onde vén”.

quarta-feira, 21 de novembro de 2012

LEMBRANZAS TERTULIANAS

Lembranza fotográfica da nosa primeira tertulia do curso. Magnífica experiencia grazas á colaboración activa de todas as asistentes.

Ás profas Concha e Begoña dámoslles un SOBRESALIENTE porque traían os deberes moi ben feitiños, va que si?

Para a próxima temos que ter conta de Begoña, sempre pronta para actuar de reporteira gráfica, mais logo... ela onde está? Graciñas, Begoña!

Primeiro capítulo: presentación




Segundo capítulo: Acción

Terceiro capítulo: Explica, explica...

Cuarto capítulo: E Concha dixo...

Quinto capítulo: Momento suspense!

Desenlace feliz: Devoramos a lectura e os pasteis, agasallo de Jenni polo seu aniversario!

segunda-feira, 19 de novembro de 2012

ENTREVISTA A AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

Recén chegadas da nosa primeira tertulia, onde Agustín Fernández Paz tamén se converteu en protagonista, localizamos esta entrevista fresquiña, de hoxe mesmo, que nos atrapa con este suxestivo titular:

 "Cando un autor escribe, polo seu cuarto pasa o meridiano cero"

Imos ver que nos conta, vale?

domingo, 18 de novembro de 2012

NOVO RECOÑECEMENTO PARA AGUSTÍN!

 Este sábado, 17 de novembro, Agustín Fernández Paz recibiu un novo premio polo seu recente libro Fantasmas de luz.

Queredes saber que foi o que valorou o xurado nesta súa última creación narrativa?  

As razóns para lle conceder o premio foron estas:

 “a súa capacidade de enfiar cine e literatura na arquitectura da novela, unha das marcas poéticas do autor; o tratar problemas da sociedade de hoxe que levan á invisibilidade dos excluídos, aínda que a historia se sitúe nunha etapa anterior á crise; o facelo con humor, fina ironía e unha ollada atenta aos problemas profundos da nosa sociedade; e, por último, pola súa mensaxe final que, malia as denuncias, está cargada de optimismo e esperanza nun futuro mellor".

sexta-feira, 16 de novembro de 2012

SAUDAMOS A NOSA PRIMEIRA TERTULIA


O vindeiro luns 19 de novembro encontrarémonos na biblioteca na que será a primeira tertulia literaria desta tempada.

Nesta ocasión, unha parte do profesorado participante no club xunto ao alumnado de 3º e 4º intercambiaremos medos a partir da lectura d´As fronteiras do medo.

Iremos deixando impresións e pegadas por aquí... non vos descoidedes!!!

AS VOCES BAIXAS, MANUEL RIVAS


O programa Zig Zag Diario da TVG ofrécenos un adianto do novo libro do escritor Manuel Rivas a partir dunha entrevista co autor.

As voces baixas é o libro máis persoal de Rivas, unha síntese entre memoria individual e colectiva, ambientada na súa cidade de vida, A Coruña.

Imos ver e escoitar que nos contan estas voces baixas nesta novela da vida...

terça-feira, 13 de novembro de 2012

A PRAIA DA ESPERANZA

Un suceso tan doloroso como aquel afundimento do Prestige non pasou desapercibido para un escritor como Agustín Fernández Paz.

A praia da esperanza é un relato inspirado naqueles dramáticos días.

O último día das vacacións, Raquel, a nena protagonista, atopa na praia unha serea, Sunia, que acepta pasar o inverno coa nena na cidade a cambio de contarlle un conto cada noite.

A noticia do afundimento do barco e da marea negra fai que a familia regrese ao lugar onde vivía a serea. O que atopan é o cheiro pestilente do chapapote, as aves mortas e a desolación pola gran catástrofe ecolóxica. Sunia, desesperada por non ter noticias dos seus, bótase ao mar; ao amencer, a nena atopa o seu corpo sen vida. 

Días despois, Raquel unirase a unha gran cadea humana de xente nova  que se reúne naquela praia para defender simbolicamente a costa atacada pola marea negra.

Alguén de vós lembra de nde procede a foto que forma parte da portada deste libro? 
O alumnado do CPI Alcalde Xosé Pichel tivo algo que ver nesa imaxe non si?

13 de novembro de 2002: PRESTIGE

Pasaron xa 10 anos desde aquela catástrofe que aínda non fomos quen de esquecer.

O afundimento do petroleiro Prestige encheu a Costa da Morte dun chapapote destrutor.

Na nosa retina fican imaxes dolorosas e no noso corazón gardamos o desexo de que NUNCA MÁIS se repita unha catástrofe ecolóxica coma esta.

Aquel día representa para nós a MEMORIA DA NOITE que o grupo Luar na Lubre gravou no seu disco Hai un paraíso (2004).




segunda-feira, 12 de novembro de 2012

ASÍ SOMOS EN CORISTRANCA!

Desde Coristranca dámos as grazas a todas as persoas que construídes este club de amizade ao redor da lectura. 

Non estamos o club completo no vídeo porque somos tant@s que sempre falta alguén por unha outra razón. 

Mais hai unha persoa que non aparece diante da cámara porque se ocupou de gravar, fotografarnos e, logo, montalo todiño. Quen é? Quen ía ser? A xefa de estudos e profe de francés: Begoña de Blas. O noso agradecemento sincero a ela!
Dámos a benvida ás novas incorporacións de alumnado e profesorado que, sen dúbida, terán compas guieiros ben experimentados doutros anos.

É un pracer compartir soños e parola con tod@s vós!

Preparad@s! A primeira tertulia chega en breve!!!

sábado, 3 de novembro de 2012

POSTURAS E LUGARES FAVORITOS PARA LER

Xa sabemos que cadaquén ten a súa postura favorita para os tempos de lectura e mesmo o seu lugar preferido. 
Desde o mundo curioso de Coristranca preguntámonos: cal é o teu?

Convidámosvos a ir achegando as vosas respostas. Seguro que levamos sorpresas inesperadas!!!

Para ir dando pistas, velaí vos deixamos algunhas ideas... coincidentes coa vosas experiencia lectora ou non?


AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ ESTREA WEB

Agustín Fernández Paz na escola da súa Vilalba natal

Agora que xa andamos enredad@s os membros do club coa lectura dos relatos d´As fronteiras do medo, recibimos a feliz noticia da estrea da súa completísima web.

Convídovos a visitala porque saberemos moitas cousas del, como escritor e como pensador.

quarta-feira, 24 de outubro de 2012

24 DE OUTUBRO: DÍA DA BIBLIOTECA

Terá razón a nosa queridísima Mafalda? Que pensades?




terça-feira, 23 de outubro de 2012

LEMBRADES A MARCOS CALVEIRO?


O curso pasado visitounos no centro este narrador para intercambiar co alumnado de 3º e 4º impresións e experiencias a partir da escrita e da lectura da súa obra O pintor do sombreiro de malvas.


Naquela altura o autor trasladounos a Auvers da man do pintor holandés Van Gogh. 

Agora, con Palabras de auga, libro que recibiu o Premio Merlín da Literatura Infantil 2012, transpórtanos moito máis lonxe, a África nin máis nin menos.

Apetécevos unha pequena degustación sobre o seu argumento? Velaquí queda servida como aperitivo:

O xamán Mkebe ordenou a todos os membros do clan dos Wakati da tribo dos Kimba que abandonasen o país Lomba coa esperanza de atopar unha terra mellor con auga abondosa. Dende entón, homes e mulleres camiñan, baixo un sol abrasador, a sabana poeirenta sen saber que lles pode deparar o futuro. Amadou aprenderá da súa nai a colleitar o alimento agochado nos formigueiros, mais tamén, como afouto guerreiro, haberá de se enfrontar axiña cos perigos da caza e da procura de Numba, o seu irmán maior, desaparecido no campamento dos nenos soldado. Palabras de auga é unha viaxe cara ao interior do continente africano e da súa cultura, mais tamén un camiño iniciático cara á madurez. Un relato emocionante, cativador e conmovedor.



E para saber aínda máis na voz do propio autor...

 http://www.crtvg.es/crtvg/canles-tematicas/corte-a-corte/entrevista-a-marcos-calveiro-ganador-do-premio-merlin-de-literatura-infantil-con-palabras-de-augas-a-historia-dunha-viaxe-por-frica#.UIZ5Hq5vF3d


segunda-feira, 22 de outubro de 2012

CÁMARA, ACCIÓN E LECTURA NA BIBLIOTECA!

CAPÍTULO 6: ... PERO QUE VÉN SENDO CORISTRANCA?


RAI REBORIDO RODRÍGUEZ (4ºA)

CÁMARA, ACCIÓN E LECTURA NA BIBLIOTECA!

CAPÍTULO 5: NO TENDAL DE POESÍA



ADRIANA CASTIÑEIRAS BOTANA (3ºA )

terça-feira, 16 de outubro de 2012

CÁMARA, ACCIÓN E LECTURA NA BIBLIOTECA!

CAPÍTULO 4: NOS VERSOS DE MANUEL MARÍA


MARINA DE LA IGLESIA E MÓNICA TATO ( 3º B)

CÁMARA, ACCIÓN E LECTURA NA BIBLIOTECA!

CAPÍTULO III: OS SOÑOS NA GAIOLA


FÁTIMA ÁLVAREZ VILANOVA (2º A)

domingo, 14 de outubro de 2012

CÁMARA, ACCIÓN E LECTURA NA BIBLIOTECA!

CAPÍTULO 2: ESPERANDO NO CLUB


KATIANA VEIGA E VERÓNICA VIQUEIRA (3º A)

CÁMARA, ACCIÓN E LECTURA NA BIBLIOTECA!

Este é o primeiro capítulo dunha serie de vídeos que @s participantes no Club de Lectura gravamos nesa xornada misteriosa do pasado xoves.

CAPÍTULO I: ALBA E OS ORNITORRINCOS


ALBA ABELENDA COUTO, 4º ESO

sábado, 13 de outubro de 2012

A NOVA FAMILIA QUE HABITA CORISTRANCA


Non estamos neste collage fotográfico todos os membros desta gran familia que é o Club de Lectura , mais si a maioría e presentámosnos ante todas e todos vós.

O pasado xoves houbo moito ruxerruxe no centro durante os dous recreos. A pregunta da xornada era: por que non podemos entrar na biblioteca?

Era un segredo que tivemos ben gardado durante toda a semana os membros de "Coristranca, un club de lectura con retranca".

En breve iremos descubrindo por aquí as nosas andanzas na biblioteca durante os dous recreos. 

Atent@s!

domingo, 16 de setembro de 2012

NOVO CURSOS ENTRE BOAS LECTURAS

XA EMPEZOU HAI DÍAS A



ASÍ QUE QUEDA MENOS PARA VOLVERNOS ENCONTRAR ENTRE BOAS LECTURAS E MELLORES TERTULIAS



BENVID@S!