quarta-feira, 26 de dezembro de 2012

FALADOIRO COA ESCRITORA LEDICIA COSTAS

 Logo da nosa tertulia na biblioteca do pasado luns, confirmamos que queriamos coñecer máis a fondo a Ledicia Costas e o proceso de escrita da súa obra Unha estrela no vento.

E quen mellor ca ela para nos responder? Pois velaquí a entrevista que lle fixemos por correo electrónico e que tan amabelmente nos respondeu ben axiña.

Grazas, Ledicia, polas palabras xenerosas!



ENTREVISTA A LEDICIA COSTAS


1.Unha estrela no vento foi publicada por primeira vez en 2000. Doce anos despois e tras dez edicións que a converten nun auténtico bestseller, escribirías esta novela do mesmo xeito ou mudarías algo na redacción?

Penso que cada texto pertence a un tempo concreto. Eu xa non escribo igual que entón. Hoxe plantexaría o libro doutro xeito, mudaría moitas cousas. Pero o libro xa non sería o mesmo. Así que alégrome de telo escrito daquela! 



2. Segundo ti, cal é o segredo deste libro?


O libro nace dunha serie de feitos que condicionaron a miña adolescencia. Hai moito de ficción, si. Pero a atmosfera que latexa no libro é a que eu respiraba cada día. Chegaba á casa do instituto e me poñía a escribir. Talvez por iso o libro funciona, porque está escrito por unha adolescente.


3. Agustín Fernández Paz di que se escribe cos fíos da vida. Ti, en que te baseaches?


Eu non son quen de dicilo dun xeito tan fermoso coma Agustín, pero si, por suposto que se escribe cos fíos da vida. Unha estrela no vento nace das vivencias no instituto de bacharelato no que estudei. O punto de inflexión para empezar a novela foi unha malleira que lle deron a un compañeiro. Partíronlle unha botella na cabeza. As pelexas estaban á orde do día e o alcohol e outras drogas tiñan moito que ver en todo aquilo. Todas esas cousas, os fíos da vida como diría Agustín, fixeron que o libro fose medrando pouco a pouco.


4. Como naceu o título? Ao final da escrita da novela ou xa o tiñas pensado antes?


Os títulos danme moito traballo. Sempre os deixo para o final. Adoito poñerlles aos libros títulos provisionais ata que remato o orixinal e xa non queda outra que chamarlle dalgún xeito.


5. Actuarías como Miguel, aceptando facer os deberes e estudar, ao decatáreste de que, en realidade, aquela profesora que semellaba un ogro estaba a se preocupar por ti?


Sen dúbida. Cando che tenden unha man, hai que saber responder.


6. Que te levou a encabezar os capítulos con letras de cancións de grupos musicais? Por que eses grupos?


Parecíame un xeito de ambientar a historia, de poñerlle banda sonora. A música é moi importante na vida dunha persoa, pero creo que durante a adolescencia esa pulsión é especialmente intensa. As cancións que aparecen no libro eran as mesmas que eu escoitaba naquel tempo.


7. Por que optaches por un final tan radical?


Na época en que escribín a novela as pelexas de bandas eran en Vigo unha especie de febre. Nunha desas pelexas, morreu un rapaz acoitelado no medio da rúa. Imaxino que ese feito condicionou o final da historia. Outra vez os fíos da vida xogando o seu papel…





8. Recentemente, acabas de publicar unha novela - O corazón de Xúpiter- e un poemario -Xardín de inverno- Sénteste igual de cómoda nos dous xéneros?


Creo que na escrita son algo cíclica. Hai épocas nas que só escribo poesía porque é coma se todo o que me rodease me fose levando a iso. E hai outras épocas nas que quero meterme nunha historia e tratar de sacarlle todo o partido, vivir cos personaxes. Levo xa moitos meses implicada en varios proxectos narrativos, así que creo que pronto volverei mudar de ciclo!


9. Pereledi é un acrónimo que nace dos nomes de dous escritores, Pere Tobaruela e Ledicia Costas e que están publicando literatura escrita a catro mans. Como se vive e se organiza esta experiencia de escribir a catro mans?


Dúas cabezas pensan máis que unha. Pola mesma regra, catro mans escriben máis que dúas. Así que é cuestión de dividir traballo e xuntar esforzos. E discutir. Discutir moito, no bo sentido do termo.


10. Que representa o oficio de escribir na túa vida?


Escribir é unha escolla. Eu non podo concibir a vida sen literatura. Faltaríame o aire. Levo escribindo desde sempre, desde que teño uso de razón. Cando hai unha época na que por algún motivo non me dá o tempo para escribir, síntome rara. Coma se estivese chovendo e non levase paraugas, ou coma se eu andase por aí sen abrigo nun día de 3 graos. Á intemperie. Supoño que a escrita é o meu acubillo. O lugar onde son realmente eu.

sexta-feira, 21 de dezembro de 2012

TOP TEN DAS LETRAS 2012

Disquecool, o portal de tendencias made in Galicia, seleccionou estas dez novas relacionadas co mundo das letras como balance de 2012.

Dádelle unha olladela se queredes ser "in" e non estar "out" no tema :)

Xa imos tomando nota daqueles autores e títulos aos que aínda non lle metemos o dente, mais desde xa recomendámosvos que non vos perdades a lectura do number 2.

Asegurámosvos que Laura no deserto, novela escrita por Antón Riveiro Coello, será unha lectura que vos marcará profundamente.


terça-feira, 18 de dezembro de 2012

CARTA DE LECTURAS PARA O NADAL


Acéptanse todo tipo de suxestións lectoras para estas vacacións de nadal.

Novidades ou clásicos que non podemos deixar de ler?

Poesía, novela, relato breve, novela gráfica, cómic, teatro, ensaio? Que tal de todo un pouco?

Imos ir deixando por aquí algunhas lecturas imperdíbeis:

http://espazolectura.blogspot.com.es/ 
http://blog.xerais.es/2012/terror-e-tension-estupenda-mostra-de-novela-grafica-cartas-de-inverno-de-antonio-seijas-critica-de-montse-pena-presas/   
http://www.editorialgalaxia.com/catalogo/libro.php?id_libro=0010960182   
http://xerais.es/libro.php?id=2947421

TERTULIANAS EN MARCHA...

Aquí estivemos de faladoiro literario o pasado luns.

Bonita, (im)previsíbel, sorprendente, realista, áxil, fresca... foron algúns dos adxectivos cos que foi cualificada a lectura da novela Unha estrela no vento de Ledicia Costas.

Tamén houbo quen opinou que o seu final era inxusto e quen soubo ver nesta narración unha magnífica oportunidade para crear lectores.

E como non, chegou a discrepancia na interpretación do comportamento do personaxe principal, Miguel, en relación á súa profe de literatura ... :)

Coma sempre, escoitámonos atentamente o moito que cada unha de nós gardaba no seu interior e pasamos un anaquiño de tarde de auténtica sobremesa!





segunda-feira, 17 de dezembro de 2012

LECTURAS PARA O NADAL

Seguro que non se nos vai esquecer pedirlle algún libro ao Apalpador, aos Reis Magos, a Papá Noel ou a todos xuntos. Post@s a pedir!!!

Por se vos dá algunha idea especial para seguirdes lendo á espera dos agasallos, velaquí vos deixamos unha suxestiva ilustración...


sábado, 15 de dezembro de 2012

UNHA HISTORIA LEVA A OUTRA HISTORIA

É habitual en certos autores a capacidade de sedución para introducir a quen está a ler noutra realidade externa á propia historia que se conta.

Puidémolo comprobar na nosa lectura anterior e renovámolo agora na novela de Ledicia Costas. De cando en vez, unha pincelada que convén explorar.

Lembrades en que momento se fala deste cadro de Salvador Dalí?

Cisnes reflectindo elefantes


CHEGA UNHA NOVA TERTULIA...

... á biblio do CPI Alcalde Xosé Pichel este LUNS 17 DE DECEMBRO a partir das 15:10. 

Que mellor sobremesa?

Falaremos de Miguel, de Reina, de Abel, de Xoan, do Maqui, do Bruto...

E, como non!, visitaremos o Lagoa... 

Imos avanzando algo aos ollos que nos asexan desde fóra sobre a nosa impresión da lectura da novela de Ledicia Costas, Unha estrela no vento?

Que palabra pensades que pode definir esta lectura?

segunda-feira, 3 de dezembro de 2012

NOVIDADE EDITORIAL DE AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ


Rematamos unha lectura de Agustín e xa temos outra a agardar por nós.

O rastro que deixamos é o título agora publicado e nel imos atopar un regueiro de episodios fundamentais na súa vida, retallos da memoria que nos permiten achegarnos á ética e mais á poética do escritor.

Que sorpresas persoais nos gardará este novo libro? Se cadra pode ser este un bo agasallo de nadal?
Imos escoitar as palabras do propio autor no programa Eirado desta pasada fin de semana.
 

domingo, 2 de dezembro de 2012

QUERES SER UN SER LIBRIS?


Coñeciamos a expresión latina "Ex libris", que significa literalmente "dos libros" e que se usa para determinar a propiedade dun libro. Un "ex libris" di moito da dona ou dono dese libro, pois é algo moi persoal.

Mais, que será iso de "ser libris"?

Imos velo...