sexta-feira, 20 de dezembro de 2013

LETICIA MUÍÑO OPINA SOBRE TODOS SOMOS

Todos somos é unha lectura que pode ser enfocada desde diferentes perspectivas.

Gustoume este libro, porque é realista, porque afronta situacións que pasaron ou poden pasar nalgún momento das nosas vidas. De feito, pouc antes de comezar a ler aconteceu algo moi parecido perto de Santiago de Compostela, o que nos dá moito que reflexionar. Impactoume bastante, porque todo era demasiado semellante e producíanse momentos que semellaban coincidir na lectura e na realidade.

Con todo, decepcionoume o final, porque sinceramente esperaba que a nena aparecese. Se o autor escribise unha segunda parte, aínda que perdésemos as esperanzas, quero pensar que a nena acabaría por aparecer viva.

Un dos personaxes que menos me gustou pola súa forma de ser e actuar foi Belén Soliño, xa que só se preocupaba por ela e nn polo dano do caso e mais polo que ela estaba a ocasionar.

Recomendo a súa lectura porque aprendes novos aspectos sobre a propia vida.

Leticia Muíño (3ºA)

quinta-feira, 19 de dezembro de 2013

TERTULIA LITERARIA E ALGO MÁIS

O alumnado de 1ºESO estreouse na súa primeira tertulia literaria logo da lectura d´O segredo do lagarto arnal, de Andrea Maceiras.



Contaron, opinaron, riron... e moito se sorprenderon con ese final nada agardado que os esperaba...


... no libro, mais tamén na sesión da tarde, cando na biblioteca tamén se agachaba un segredo (mais neste caso, a voces)...

 
 
... porque o encontro coa autora do libro, Andrea Maceiras, moita expectación tiña creado en todo o club!





terça-feira, 17 de dezembro de 2013

A OPINIÓN DE IRIA CASTIÑEIRAS



 
Iria, Rebeca e Leticia en plena tertulia
Todos somos conta a historia da desaparición de Natalia principalmente dende 3 tres perspectivas diferentes: 

-         Antón: é un dos seus mellores amigos e ten a esperanza de que Natalia apareza en calquera momento para que a súa vida non se derrube por completo.

-         Lina Sánchez: é detective e está desesperada por encontrar a Natalia para así poder quedar en paz consigo mesma tras as malas experiencias do pasado.

-         Rebeca Soliño: é unha periodista televisiva desesperada por relanzar a súa carreira e así poder gañar moita fama. Aprovéitase do caso de Natalia para poder exprimilo ao máximo en todos os seus programas e manter a audiencia interesada.

Ademais, simultaneamente á acción principal, ocorren varios altercados entre a veciñanza na praza onde vivía esta nena, debido á tensión e a desconfianza que hai, xa que cren que calquera pode ser o secuestrador.

Sen dúbida recomendo este libro, xa que fai que nos deamos conta de que non todo o que se di nos medios de comunicación é certo, e que hai moito máis de intención do que parece detrás do que se di.

segunda-feira, 16 de dezembro de 2013

MÁIS OPINIÓNS DESPOIS DA LECTURA DE TODOS SOMOS


O libro gustoume e pareceume entretido. 

O único que me decepcionou foi o final. 

A min gustaríame que pasase algo, aínda que ese algo fose malo. Así que iso foi o único que non me acabou de gustar, pero polo demais, paraceume unha boa e recomendábel lectura.

Recoñezo que o que máis me sorprendeu foi que a detective que está a investigar o caso da nena desaparecida, no pasado fose unha profesora que perdera un neno nunha excursión. Nunca chegara a pensar nesta posibilidade mentres lía o libro.

Diego Fidalgo Mato, 3ºA

domingo, 15 de dezembro de 2013

LEMOS, CONVERSAMOS E AGORA TAMÉN RESEÑAMOS



Este club de lectura é imparábel, non descansa nunca! 

 Despois das lecturas e das tertulias, agora tamén se anima o alumnado do club a escribir as súas reseñas máis persoais para partillalas con tod@s nós.

A lectura do novo libro de Marcos Calveiro, Todos somos, será o protagonista desta semana.

Velaquí a primeira reseña de Daniel Camafreita Vilas, de 3ºA. 




Dende a miña perspectiva, Todos somos é un libro realista que explica a situación da desaparición dunha rapaza dende catro puntos de vista diferentes:
 
   1- O pobo: a xente do pobo preocúpase pola situación e pensan que, se desapareceu unha rapaza, poden desaparecer máis, polo que tratan de vixiar ao máximo os seus fillos ata o punto de que saiaan todos xuntos da casa, co acompañamento duns pais que se turnan para acompañalos á escola. Na parte na que lle pegan a un rapaz que está coa súa parella tamén se nota a tensión que hai no pobo.
 
   2- Antón: Antón era o que máis contacto tiña con Natalia fóra da escola, falaban moitas veces no portal da súa casa. Cando Natalia desaparece, Antón sofre pola súa desaparición, polo comportamento dos seus pais e porque pensaba que nada volvería a ser como antes.
 
   3- Belén Soliño: Belén foi una periodista pícara á que non lle importaba o sufrimento dos pais e non tiña respecto pola intimidade da nena desaparecida. Dedicouse a sacarlle a máxima información ao caso só para que a audiencia do programa no que traballaba subise. Ao final, consegue que lle ofrezan un contrato nunha cadea nacional. Dá unha lección de como está o país, en relación á manipulación dos medios de comunicación. Sen importarlle os sentimentos de ninguén, pode conseguir un traballo mellor.
 
   4- Lina Souto: Lina miraba o caso de Natalia como investigadora, mais como algo persoal por culpa dun suceso que lle pasara a ela no pasado. Ía investigar todo o que fose necesario para encontrar a Natalia.
 
O libro está moi ben, aclara ideas e descúbrenos cousas que ao mellor antes dubidábamos. Recoméndollo a todo o mundo pero en especial a todo ese mundo que está detrás do televisor e lle fai caso a todo o que din no telexornal.

quinta-feira, 12 de dezembro de 2013

sábado, 7 de dezembro de 2013

CUESTIONARIO PROUST: ANTONIO G. TEIJEIRO

Hoxe o Cuestionario Proust leva as súas preguntas ás respostas do escritor Antonio García Teijeiro, recoñecido escritor, nomeadamente poeta, que pensa a súa obra literaria para os nenos e as nenas.


quinta-feira, 5 de dezembro de 2013

OS 50 TÍTULOS MÁS LIDOS NOS CLUBS DE LECTURA



O blog "Ler en mancomún" ofrécenos a relación dos libros máis lidos nos clubs de lectura dos centros educativos galegos ao longo do pasado curso 2012-2013.

Cal é o autor máis lido? Agustín Fernández Paz

E cal é o título con maior número de lecturas? O curioso incidente do can a medioanoite, de Mark Haddon

VISITA Á CASA MUSEO DE MANUEL MARÍA


Unha sección do noso club de lectura de centro participou na ofrenda poético-floral que realizamos a Manuel María no cemiterio de Outeiro de Rei, antes de visitarmos a recentemente inaugurada Casa Museo. 













Unha xornada de descubertas emocionantes na biblioteca desta casa como foi poder ler a copia facsimilar do xornal A Nosa Terra ou da Revista Nós.


quarta-feira, 4 de dezembro de 2013

CUESTIONARIO PROUST: Mª DO CARME KRUCKENBERG


A poeta diante do monólito da homenaxe "A Escritora na súa Terra" en Vigo
A poeta viguesa Mª do Carme Kruckenberg Sanjurjo ten acumulada unha experiencia literaria moi ampla desde o ano 1956 en que publicou o seu primeiro libro de poemas titulado Cantigas do vento.

Hoxe o Cuestionario Proust tráenola como protagonista para coñecérmola nas súas respostas en primeira persoa. 

Escoitémola tamén recitar os seus versos.

terça-feira, 3 de dezembro de 2013

CUESTIONARIO PROUST: XABIER P. DOCAMPO



Quen non lembra a lectura d´O misterio das badaladas? ou de Cando petan na porta pola noite?

Quen puido esquecer a visita que nos fixo ao centro a finais do curso pasado, aló polo mes de maio, o escritor Xabier P. Docampo, autor da lectura O país adormentado?

Pois velaquí o Cuestionario Proust a nolo presentar dun xeito ben persoal.

domingo, 1 de dezembro de 2013

CUESTIONARIO PROUST: AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ



Xa temos descuberto a Agustín Fernández Paz a través de múltiples lecturas, así que andamos expectantes ante estoutra achega tan persoal que nos ofrece o Cuestionario Proust

Seguimos tomando referencias que nos axuden a resolver o noso propio cuestionario individual.

sexta-feira, 29 de novembro de 2013

CUESTIONARIO PROUST: MARÍA PILAR GARCÍA NEGRO


Nesta ocasión, o Cuestionario Proust descubriranos o perfil máis humano dunha escritora centrada no xénero ensaístico.

A súa produción literaria confirma que, para alén da análise de tipo lingüístico, sociolingüístico e literario en xeral, nesta altura xa se ten convertido nunha das principais especialistas no estudo e investigación renovadora ao redor da figura e da obra de Rosalía de Castro.

Leamos xa as respostas da profesora da UDC María Pilar García Negro.

quarta-feira, 27 de novembro de 2013

CUESTIONARIO PROUST: XAVIER ALCALÁ

Tócalle agora a quenda de respostas deste cuestionario que se vai facendo famoso entre nós a Xavier Alcalá, un dos narradores referenciais desde a década dos 70.

Aproveitemos a ocasión para descubrirmos como e por que comezou a escribir...


segunda-feira, 25 de novembro de 2013

CUESTIONARIO PROUST: FINA CASALDERREY

Hoxe imos coñecer neste novo cuestionario o trasfondo máis humano dunha das escritoras máis representativas da literatura infantil e xuvenil, recoñecida en 1995 co Premio Nacional do Ministerio de Educación pola súa obra  O misterio dos fillos de lúa.

Como ben lembraredes, o pasado venres Fina Casalderrey lía no Teatro Principal de Pontevedra o seu discurso de entrada na Real Academia Galega. 

Con ela, a literatura infantil e xuvenil galega entra por primeira vez nesta institución. 

Con ela, agora son cinco as mulleres que fan parte do seu plenario.

Parabéns polo teu traballo, Fina!

sábado, 23 de novembro de 2013

UNHA RESEÑA PARA FUTURO IMPERFECTO

Futuro Imperfecto é unha historia autobiográfica da escritora ourensá Xulia Alonso. Neste libro, a autora ten que enfrentarse a unha serie de dificultades persoais que fixeron que a súa vida cambiase totalmente. A droga, a aparición e, sobre todo, a experiencia do VIH serían as dúas razóns principais de toda a historia que desenvolve neste libro.

Todo xira en torno á época dos 80, cando unha relativa paz acaba de instaurarse e a liberdade é o principal obxectivo do sector adolescente, sen ter en conta todos os perigos aos que se verían sometidos.

Xulia é unha estudante de 17 anos que muda a Santiago. Ela tan só busca nesa nova cidade unha nova vida, sen saber que os novos mundos que descubriría tan só lle quitarían o que estaba procurando atopar: a liberdade.

Grazas á súa nova vida, atopouse con Nico, o home que faría que a súa vida cambiase de rumbo. Xuntos loitaron contra as novidades que aparecían naquela década, e xuntos pasaron os últimos momentos da vida del. Tras unha serie de dificultades tentando atopar a saída do que parecía ser un inferno causado polas drogas, conseguiron estabilizar a súa vida, ata que, a nova do seu embarazo fixo saltar as alarmas e a vida volveu parecer unha serie de pezas dun crebacabezas desordenado.

Finalmente, a vida de Nico, o seu compañeiro, quedou condicionada e limitada polo VIH. 

Neste libro, Xulia explica, con moita carga sentimental e dor, todas as súas experiencias durante estas duras décadas e todo o seu apoio, atención e cariño dirixido ao seu compañeiro ata os últimos días da súa vida.

Con este libro, as sensacións son completamente perceptibles. Deixa todos os secretos da súa vida ao descuberto, e case parece unha historia totalmente ficticia, debido a todos os acontecementos tan duros que ocorren na súa vida.


Judith Martínez (4ºESO)

CUESTIONARIO PROUST: BEGOÑA CAAMAÑO



Unha nova personalidade da escrita nos descobre este cuestionario que estamos a seguir. 

Nesta ocasión trátase da escritora Begoña Caamaño, unha das voces narrativas máis novidosas destes tempos máis recentes a partir de dous títulos referenciais e multirrecoñecidos: Morgana en Esmelle e Circe ou o pracer do azul.







sexta-feira, 22 de novembro de 2013

CUESTIONARIO PROUST: VÍCTOR F. FREIXANES

Hoxe fomos contrastando na aula de 4º a dificultade que entraña un cuestionario tan aparentemente simple como este cando temos que definirnos. 

Mais imos continuar as pistas sobre quen é quen no marco literario galego contemporáneo.  



Velaquí unha nova entrega autobiográfica en palabras de Víctor F. Freixanes, escritor e director actual da Editorial Galaxia da que tanto habemos falar ao longo do segundo trimestre nas aulas de 4º.

BOA NOVA!



 Hoxe, venres 22 de novembro, ás 19 horas, a escritora que tan ben coñecemos e temos sentido próxima coas súas lecturas e incluso con algunha visita ao centro en cursos anteriores, Fina Casalderrey, lerá o seu discurso de ingreso na Real Academia Galega.

Autora de moi prolífica obra literaria, especializada no difícil e esixente público infantil e xuvenil, ten no seu haber premios nacionais e internacionais, así como distincións de gran recoñecemento.

O alumnado de 2º lerá a súa obra A pomba e o degolado no vindeiro trimestre.

E vós que lecturas recomendariades de Fina Casalderrey?

Día feliz para ela e para todas as persoas que amamos a literatura. 


PARABÉNS, FINA!


quinta-feira, 21 de novembro de 2013

CUESTIONARIO PROUST: DARÍO XOHAN CABANA


Un novo cuestionario Proust ofrécenos a bitácora Caderno da crítica para nos achegar ao escritor Darío Xohan Cabana.

Clicando no seu propio nome, poderemos descubrir na súa voz a resposta á pregunta: Por que empecei a escribir?


quarta-feira, 20 de novembro de 2013

PRIMEIRAS IMAXES TERTULIANAS

Iniciamos a rolda de tertulias despois de lle dedicar á lectura individual estas semanas de principios de curso.

Xa nos tardaba, mais chegou e foi unha tarde estupenda grazas á historia que Xulia Alonso nos conta na súa novela, de ascendencia autobiográfica, Futuro imperfecto.


Moito pensamos antes de arrancar a falar... Sempre nos pasa... Primeiro cumpría presentar as novas incorporacións: Judith, Lucía e Cintia no equipo das alumnas e Mabel no de profesoras, máis concretamente a orientadora de profas e alumnas... Verónica, Katiana, Carme e Mercedes démoslles a benvida!


Que atentas Judith, Lucía e Katiana!!!!! Quen andaría a falar? Que contaría?


Chegamos á conclusión de que a realidade case sempre supera a ficción, aínda que nos pilla moitas veces tan de lonxe, felizmente, que non o podemos nin imaxinar.


Expresións que falan por si propias...


Canta información vivida moi ao vivo e desde a experiencia profesional nos transmitiu Mabel sobre consumo de drogas na actualidade e consecuencias...


As do sofá laranxa da esquerda moi ben pasaron... mais empezamos a botar en falta alguén nas fotos...

 
Temos probas: a lectura provoca risa...

Por certo, onde nos quedou Pilar, a profa de música? Ah! Foi a nosa master en fotografía... para a próxima non se libra do retrato!!!!

terça-feira, 19 de novembro de 2013

CUESTIONARIO PROUST ...

... para irmos descubrindo quen é quen dentro do panorama da escrita literaria actual.

Desde a recoñecida bitácora Caderno da crítica, dirixida polo crítico literario Ramón Nicolás, iranse ofrecendo as respostas persoais que escritores e escritoras galegas de hoxe van achegando. Imos seguila para achegarnos aos pensamentos e emocións máis íntimas que elas e eles recoñecen.

Mª Xosé Queizán

Velaquí xa a primeira entrega do Cuestionario Proust, inaugurada coa escritora Mª Xosé Queizán.

segunda-feira, 11 de novembro de 2013

BOOKTRAILER DE CARTAS DE INVERNO


Publicado en e despois de 30 edicións, a novela de Agustín Fernández Paz, Cartas de inverno, volve á actualidade de dous xeitos diferentes.

Por unha banda, a nova versión de Antonio Seijas en formato de novela gráfica.



Pola outra, a través deste booktrailer ben suxestivo do suspense e o medo que entraña esta historia.


Ollo coa lectura, porque o medo é libre!!!

quinta-feira, 7 de novembro de 2013

INAUGURAMOS AS NOSAS TERTULIAS LITERARIAS

Despois destas primeiras semanas de comezo de curso tamén dedicado á lectura, imos estrear a nova tempada tertuliana.

Nesta primeira ocasión será a novela Futuro imperfecto quen nos convoque na tarde do vindeiro MARTES 12 DE NOVEMBRO na nosa biblioteca.


 Neste momento a autora non nos poderá acompañar, mais seguro que nos visitará un pouquiño máis adiante. Mentres, ímola ir coñecendo destoutro xeito...


As sensacións lectoras foron moi boas, mais gardade algo para contar ese día...

domingo, 3 de novembro de 2013

DE VIAXE AO SANTO ANDRÉS DE TEIXIDO


Santo Andrés de Teixido é un lugar emblemático na cultura oral galega moi vinculado á morte.

Quen nos podería contar que é o que di a lenda?

sexta-feira, 1 de novembro de 2013

NOITE DE SAMAÍN, DÍA DE DEFUNTOS...

Nestes tempos de medo e de morte escoitemos unha historia de suspense que nos presenta e le o escritor Agustín Fernández Paz.



segunda-feira, 21 de outubro de 2013

ACHEGÁNDONOS AO DÍA DA BIBLIOTECA

O vindeiro 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca. Nestes días previos, podemos irlle botando un ollo a este manifesto que Agustín Fernández Paz redactou para ese día en 2008. 

Que vos parece? 

Que vos suxire a imaxe creada polo ilustrador Xosé Cobas?

Feliz lectura!


domingo, 13 de outubro de 2013

LER PARA...


"Ler para desaprender" é o título deste artigo de opinión asinado por Francisco Castro, un escritor que boa parte do club xa coñecemos persoalmente o curso pasado.

Recomendamos a súa lectura e propoñemos unha tarefa colectiva.

Como responderías ti á pregunta Para que ler? 

Ler para...

ROSALÍA É MÚSICA!

Os poemas de Rosalía de Castro de sempre foron moi ben acollidos musicalmente. Solistas e grupos con ritmos sonoros ben diferentes téñense achegado aos seus versos para seren cantados por sucesivas xeracións.

Unha das versións musicais máis recentes é a da cantante Najla Shami que podemos escoitar no seu disco "Na lingua que eu falo".

Velaquí o videoclip "Camiño Branco" que pon música ben persoal ao poema que máis abaixo podedes ler.



Dende aquí vexo un camiño

Dende aquí vexo un camiño
que non sei adónde vai;
polo mismo que n'o sei,
quixera o poder andar.
Istreitiño sarpentea
antre prados e nabals,
i anda ó feito, aquí escondido,
relumbrando máis alá.
Mais sempre, sempre tentándome
co seu lindo crarear,
que eu penso, non sei por qué,
nas vilas que correrá,
nos carballos que o sombrean,
nas fontes que o regarán.
Camiño, camiño branco,
non sei para dónde vas;
mais cada vez que te vexo,
quixera poderte andar.
Xa collas para Santiago,
xa collas para o Portal,
xa en San Andrés te deteñas,
xa chegues a San Cidrán,
xa, en fin, te perdas... ¿quén sabe
en dónde?, ¡qué máis me dá!
Que ojallá en ti me perdera
pra nunc amáis me atopar...
Mais ti vas indo, vas indo,
sempre para donde vas,
i eu quedo encravada en onde
arraigo ten o meu mal.
Nin fuxo, non, que anque fuxa
dun lugar a outro lugar,
de min mesma, naide, naide,
naide me libertará.

quinta-feira, 10 de outubro de 2013

PARABÉNS AO POETA MANUEL ÁLVAREZ TORNEIRO



O poeta Manuel Álvarez Torneiro acaba de ser recoñecido co Premio Nacional de Poesía que concede o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte á mellor obra poética do Estado español, polo seu poemario Os ángulos da brasa.

Queredes saber como se sentía pouco despois de coñecer este importantísimo recoñecemento para el que tamén facemos noso todos os galegos e galegas? 

Pois mergulládevos nesta entrevista e descubrirédelo!!!!

segunda-feira, 7 de outubro de 2013

VOLVE CORISTRANCA!!! (3ª PARTE)



Agora tócalle a Adrián, Iria e Adriana desvelar algún dos segredos do acontecido o curso pasado no club de lectura.


Queredes que vos conten como lles foi? A ver, a ver... 


Cámara e acción! Silencio, gravamos!

segunda-feira, 30 de setembro de 2013

VOLVE CORISTRANCA!!! (2ª PARTE)


Pilar, Verónica, Rebeca, Katiana, Adriana valoraron así de espontáneas a súa descuberta dalgunhas lecturas durante o curso pasado. 


Imos inmiscirnos na súa animada conversa...

domingo, 29 de setembro de 2013

VOLVE TAMÉN O CLUB D@S EX- DE CORISTRANCA



No club de lectura tamén participan desde o pasado verán un grupo de EX- profas e alumnas. Esta sección do club intercambia opinións sobre as lecturas neste blog, aínda que non descartamos algunha quedada presencial durante este curso, que xa anunciamos que vai continuar.

Por suposto, esta sección está aberta a todas aquelas persoas que este novo curso xa sodes EX- e tamén a nais e pais que gosten de ler e, sobre todo, falar de lecturas.




Para irvos dando envexa, imos inaugurar esta primeira quedada virtual para intercambiarmos as nosas impresións sobre a lectura de verán, Cita en Fisterra, de Luís Rei Núñez.

sexta-feira, 27 de setembro de 2013

VOLVE CORISTRANCA!!!!





Estabades agardando o día en que Coristranca volvese dar que falar polo centro?


Pois ese día chegou! Desde hoxe, fica inaugurado o curso 2013-2014 máis lector do mundo!

Desde finais do curso pasado gardamos unha sorpresiña para este momento. Sorpresa para os que son máis experiementados no club... Sorpresa para quen aínda non nos coñecen...

Imos ir dosificando a sorpresa, día a día...