segunda-feira, 18 de março de 2013

LENDO FEBRE


Chegou a tertulia literaria sobre a novela Febre. Xa vos podemos adiantar que nos gustou moito, que nos sentimos moi atraídos por ese personaxe feminino adolescente caracterizado con tanta personalidade, capaz de se enfrontar á dureza agresiva da vida.

Preguntarédesvos cal era a sorpresa que anunciaramos hai uns días? 

Pois nin máis nin menos que a un dos personaxes da novela, o médico da mina, don Teo, o coñeceu e tratou Concha, a nosa profe de xeografía e historia e compañeira de lecturas. Grande sorpresa que levamos ao escoitala falar deste dato real e da súa Noia natal que tan ben ambienta espacialmente esta febre do volframio.



Deica a próxima tertulia!

LENDO UNHA ESTRELA NO VENTO

Despedimos unha nova tertulia do primeiro ciclo en que recibimos máis visitas que nunca. Foi unha experiencia magnífica grazas á colaboración de tanta e tan boa xente lectora.

Benvid@s tod@s!

Escoitando moi atentamente a Ledicia Costas nunha entrevista dixital


Vémonos na próxima para debullar todo o que acontecen´O corazón de Xúpiter. Que sorpresa nos deparará esta obra de Ledicia Costas recentemente premiada esta fin de semana?

sábado, 16 de março de 2013

IMOS DE TERTULIA CON FEBRE

Non entendades mal! Non imos ir agripados nin febrís á tertulia do vindeiro LUNS 18 de MARZO!

Imos debullar polo miúdo esta historia tan intrigante ao redor da febre do volframio, vivida nos anos 40 nas minas dunha fermosísima vila da provincia da Coruña chamada Noia. 

Imos falar da ousada Carmucha e do seu temeroso pai Matías, do estraperlo dese mineral tan cobizado que a todos enlouquecía, da segunda guerra mundial...

E, grazas a unha compañeira tertuliana, imos descubrir algo co que non contamos sobre o médico da mina D. Teo. Que será?


Para írmonos situando en Noia, velaí vos deixamos un vídeo que recolle espazos identificativos desta vila de longa historia e é berce de escritores referenciais da literatura de noso como Avilés de Taramancos.





PREMIO PARA LEDICIA COSTAS

Onte, venres 15 de marzo, a autora d´Unha estrela no vento, Ledicia Costas, recibiu o premio ao mellor libro infantil e xuvenil que anualmente concede a Asociación Galega de Editores polo seu novo libro O corazón de Xúpiter.

Ledicia Costas xunto aos demais gañadores


Desde Coristranca enviámoslle un saúdo inzadiño de parabéns e agradecémoslle novamente os momentos que nos fixo pasar coa lectura d´Unha estrela no vento e coa magnífica tertulia que nos proporcionou recentemente.

Agora estabamos a piques de comezar O corazón de Xúpiter, así que nos alegramos moito desta nova.

Parabéns, Ledicia!

quarta-feira, 13 de março de 2013

E TI COMO O VES?

Imos reparar nesta imaxe atentamente...


... e agora imos completar a primeira oración segundo o noso parecer persoal do seguinte xeito:

Ler é como...

Quen se anima a entrar nesta brincadeira creativa?

NOVA TERTULIA LITERARIA


A familia "Coristranca" non para de medrar, así que a tertulia de mañá XOVES 14 DE MARZO vai dar aínda moito máis que falar...

Fomos sabendo polas aulas e polos corredores o moito que gustou no club de 2º ESO a novela Unha estrela no vento de Ledicia Costas. Incluso xa hai quen pide que o próximo libro sexa como este. Mais, como vai ser iso posíbel? Cada libro abre un mundo novo diferente, non si?

Mañá será un gran día para esta agardada tertulia. Vémonos!