sábado, 23 de novembro de 2013

UNHA RESEÑA PARA FUTURO IMPERFECTO

Futuro Imperfecto é unha historia autobiográfica da escritora ourensá Xulia Alonso. Neste libro, a autora ten que enfrentarse a unha serie de dificultades persoais que fixeron que a súa vida cambiase totalmente. A droga, a aparición e, sobre todo, a experiencia do VIH serían as dúas razóns principais de toda a historia que desenvolve neste libro.

Todo xira en torno á época dos 80, cando unha relativa paz acaba de instaurarse e a liberdade é o principal obxectivo do sector adolescente, sen ter en conta todos os perigos aos que se verían sometidos.

Xulia é unha estudante de 17 anos que muda a Santiago. Ela tan só busca nesa nova cidade unha nova vida, sen saber que os novos mundos que descubriría tan só lle quitarían o que estaba procurando atopar: a liberdade.

Grazas á súa nova vida, atopouse con Nico, o home que faría que a súa vida cambiase de rumbo. Xuntos loitaron contra as novidades que aparecían naquela década, e xuntos pasaron os últimos momentos da vida del. Tras unha serie de dificultades tentando atopar a saída do que parecía ser un inferno causado polas drogas, conseguiron estabilizar a súa vida, ata que, a nova do seu embarazo fixo saltar as alarmas e a vida volveu parecer unha serie de pezas dun crebacabezas desordenado.

Finalmente, a vida de Nico, o seu compañeiro, quedou condicionada e limitada polo VIH. 

Neste libro, Xulia explica, con moita carga sentimental e dor, todas as súas experiencias durante estas duras décadas e todo o seu apoio, atención e cariño dirixido ao seu compañeiro ata os últimos días da súa vida.

Con este libro, as sensacións son completamente perceptibles. Deixa todos os secretos da súa vida ao descuberto, e case parece unha historia totalmente ficticia, debido a todos os acontecementos tan duros que ocorren na súa vida.


Judith Martínez (4ºESO)

Sem comentários:

Enviar um comentário