quarta-feira, 31 de dezembro de 2014

FELIZ ANINOVO!

Os mellores desexos para todas as persoas compañeiras de viaxes lectoras.

Feliz 2015


sexta-feira, 26 de dezembro de 2014

SABENDO MÁIS DA ESCRITA DE LEDICIA COSTAS




Escarlatina, a cociñeira defunta é a última novela de Ledicia Costas que recibiu o Premio Merlín. 

Unha historia de medo moi divertida e culinaria, que se desenvolve nun inframundo moi particular e á que nos achegaremos á volta das vacacións no noso club de 1º de ESO.



Eu, de vós, xa me ía remangando para ler, para cociñar e para pasar algo de medo...

Mentres tanto, imos escoitar o que nos conta a propia Ledicia, nunha recente entrevista no programa cultural Zig Zag.



CONTOS DE NADAL II



Xabier P. Docampo ábremos a porta do seu blog a outro conto de nadal que tamén podemos escoitar, na súa propia voz, tal e como o contou no programa da radio galega "Galicia por diante" o propio día de nadal.

Imos descubrir a sorpresa deste conto intitulado "Un mago en noiteboa".

CONTO DE NADAL I


Este tempo de nadal e de descanso escolar é o ideal para volver á lectura.

Que tal se comezamos con este conto de nadal que nos agasalla Agustín Fernández Paz no seu blog?

segunda-feira, 15 de dezembro de 2014

A NOSA PRIMEIRA TARDE TERTULIANA

O xoves 4 de decembro a sección do club de lectura de 2º de ESO estreamos a nosa xeira tertuliana co acompañamento literario da novela de Francisco Castro, O corazón da Branca de Neve.



Ás veces escoitamos que a realidade supera a ficción e a verdade é que con esta lectura puidemos comprobalo cun caso ben coñecido polos medidos de comunicación e acontecido ben perto de nós.


quinta-feira, 27 de novembro de 2014

A FUME DE CAROZO!




Xa chegou o momento de escoitar por primeira vez ou de volver a encontrarnos nas ondas internetplanetarias.

O noso foi o programa número 150 de "A fume de carozo", emitido o 25 de novembro de 2014, Día contra a Violencia de Xénero. Está promovido polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña e grávase no estudo "José Couso" de Radio CUAC FM.

De violencia de xénero e tamén de literatura, cunha entrevista a Ledicia Costas, o equipo de locución estivo composto polas alumnas de 4º e membros do Club de Lectura de centro, Iria Castiñeira, Vanesa Varela, Leticia Muíño e Nerea Fuentefría.

Grandes parabéns para todas elas!!!

FANTÁSTICA EXPERIENCIA RADIOFÓNICA!

Renovamos as expectativas previas á xornada de gravación. O tempo de elaboración do guión, o intercambio de opinións, a escolla de lecturas e banda sonosora musical, etc. cedeu paso ao goce da emisión dun programa ao vivo.

Escoita atenta das primeiras instrucións técnicas...


... e no aire canda as nosas palabras e as de Ledicia Costas nunha entrevista ben esclarecedora para o equipo.



O noso agradecemento para todas as persoas que o fixeron posíbel e moi especialmente para o técnico, Roberto Catoira, sen cuxo estímulo e colaboración sería imposíbel termos vivido esta experiencia que, sen dúbida, repetiremos este curso.



E para quen non nos puido escoitar en directo, teredes unha nova oportunidade de acceso ao programa on line que vos facilitaremos en breve.

domingo, 23 de novembro de 2014

CORISTRANCA VOLVE A RADIO CUAC FM


 Continuando coa nosa experiencia radiofónica iniciada o curso pasado, Coristranca desprazarase á Coruña este MARTES 25 DE NOVEMBRO á emisora RADIO CUAC FM para gravar unha nova edición do programa

 "A Fume de Carozo".

Vanesa, Nerea, Iria C. e Leti de 4º A serán as encargadas de preparar o guión e conducir a gravación que terá como eixo nuclear a coincidencia desta data co Día contra a violencia de xénero.

Para ir adiantando algo dos contidos que poderedes escoitar ao vivo o propio martes, entre as 17 e as 18 horas, dádelle unha ollada a este blog, Mujer sin cadenas.

sexta-feira, 21 de novembro de 2014

ARRANCAMOS TEMPADA TERTULIANA

O vindeiro LUNS 24 de NOVEMBRO celebramos quedada tertuliana para pór en común as primeiras lecturas das seccións do club de 3º e 4º.

Todo a punto para viaxar entre liñas da man dos primeiros títulos narrativos da tempada 14-15..



segunda-feira, 17 de novembro de 2014

QUEN SERÍAN AS AUTORAS E AUTORES MÁIS LIDOS NO CURSO PASADO?


OS TÍTULOS MÁIS LIDOS DO CURSO 2013-2014



O espazo dixital Ler en mancomún dos Clubs de Lectura acaba de nos ofrecer o balance lector do curso pasado.

Queredes saber cales foron os títulos máis lidos do curso pasado? Ollade por aquí...

Entre os destacados están algunhas das nosas lecturas máis coristranqueiras: Futuro imperfecto, de Xulia Alonso, Todos somos, de Marcos Calveiro, Engurras, de Paco Roca ou O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas.

sexta-feira, 7 de novembro de 2014

SOBRE DA MORTE DE BIEITO, RAFAEL DIESTE


Velaquí vos deixamos por hoxe coa lectura dixital dos pequenos relatos dun auténtico clásico:

 Dos arquivos do trasno, de Rafael Dieste.

Un bo comezo lector pode ser este primeiro relato que atoparedes no enlace anterior, intitulado "Sobre da morte de Bieito".

Como reaccionariamos se, de súpeto, embargadas pola emoción máis sentida, no camiño ao camposanto acompañando o cadaleito dun amigo ou familiar, temos a sensación de que no seu interior algo se move?

 

E ENMA CONTOU COMO É ESTA BRUXA TAN ESPECIAL...



... á rapazada de 1º e 2º de educación primaria na nosa biblioteca de secundaria.

Non fomos quen de lles pór moito medo aos nenos e nenas do Pichel, pero pasar... pasámolo moi ben!

Graciñas pola vosa visita! 

Volvede axiña!!!


terça-feira, 4 de novembro de 2014

LECTURAS CON MOITO MEDO! (II)

A semana foi transcorrendo entre palabras de medo e a biblioteca foi o lugar do noso encontro co alumnado de primaria e de secundaria.

Unha parella representativa de 2ºB e de 3ºA foi quen de recoller todos os medos da súa aula e recoñecelos en público. A quen e a que pensades que lle teñen medo?



Algunhas das participantes no club de lectura prepararon lecturas para o alumnado do 1º  e 3º ciclo de primaria. 

Serían capaces de lles pór medo?




Incluso algunha escritora nos leu o seu microrrelato premiado no concurso concocado polo EDLG.


E algunhas transformáronse para sentir ao vivo a noite de Samaín!!! 



E tamén houbo quen non dubidou en partillar o tempo de recreo de secundaria para pór en común personaxes e accións que fan tremelicar ou convivir por uns segundos co suspense...


Sen dúbida uns recreos, para secundaria, e unha hora de ler, en primaria, ben diferentes!!!

Para o ano que vén, ameazamos con recuncar!!!

segunda-feira, 3 de novembro de 2014

RECOMÉNDAME UN LIBRO



A lectura tamén se contaxia co boca a boca, por iso sempre agradecemos que alguén nos suxira algún título, va que si?


Imos ver o menú que nos propón a Tabela dos Libros que cada mes nos propón o crítico Armando Requeixo no seu blog Criticalia


Literatura para todos os gostos e para todos os públicos neste mes de novembro que xa recibimos inaugurando o outono!!!



terça-feira, 28 de outubro de 2014

LECTURAS CON MOITO MEDO!

Esta semana previa á celebración do Samaín o Club de Lectura, en coordinación co EDLG, preparamos a dramatización de varias lecturas dirixidas ao alumnado de primaria dentro do súa súa Hora de Ler.

Comezamos polo segundo ciclo coas fantásticas lecturas de Leticia (O abrigo misterioso, Jeannette Jenning) e Iria (Quen lle ten medo á Carrapuchina Vermella?, Sara Sahinkanat). 




Moito nos prestou esta experiencia de lectura compartida!!! Grazas por virdes escoitarnos!!!

segunda-feira, 27 de outubro de 2014

UNHA NOVA CASA DOS LIBROS PARA COMPARTIR



 #aBiblioPrestame

O outono estréase no concello veciño de Carballo coa inauguración da Biblioteca Rego da Balsa, un punto de encontro cos libros, a música e o cine. 

E ningunha outra data mellor nin máis acaída que o 24 de outubro,Día Internacional das Bibliotecas.

Imos irlle dando unha ollada, mais haberá que ir visitala, non si? 

E seguila sempre desde  




terça-feira, 21 de outubro de 2014

O EQUIPO CORISTRANCA 14-15


Velaquí está reunido todo o equipo lector do planeta Coristranca inaugurando a tempada 2014-2015.

Menuda gran familia!!!!



Benvida a profesorado e alumnado!!!



Arrancamos coas primeiras lecturas. En breve, toda a nosa actualidade literaria visibilizada nesta xaneliña da nosa casa virtual.

Tres, dous, un...

terça-feira, 7 de outubro de 2014

O CLUB DAS EX- RECOMENDA (VII)

Reiniciamos tamén a recolleita de suxestións lectoras que nos seguen a enviar desde o Club das Ex-

Nesta ocasión tócalle a Tania Mourelle Castro tomar a palabra de escritora ou, mellor dito, de Poeta (con maiúsculas) a quen podedes seguir no seu blog: 


http://aprendicesdesafo.blogspot.com.es/



Boas a todos e todas! :D 

Hoxe o tema vai de liñas e aventura e como tal as miñas recomendacións de lectura son as seguintes, O bosque das antas do escritor F. X. Fernández Naval, Rebeldes da escritora Susan E. Hinton, Cartas de inverno  de Agustín Fernández Paz, Poesía última de amor e enfermidade do poeta Lois  Pereiro, Makinaria de Carlos Negro, O enigma do segredo de María do Carme Kruckenberg, La Fundación de Antonio Buero Vallejo e Los renglones torcidos de dios de Torcuato Luca de Tena.

Estas son algunhas das miñas propostas, agardo que vos gusten; na miña opinión quen ten un libro ten un tesouro, ao igual que outras moitas expresións de arte suscitan emocións moi fortes, fannos sentir comprendidos ou involúcrannos dentro dunha historia que nos envolve; nunca deixedes de ler ou mesmo de escribir vós mesmos.

Unha aperta moi grande. 

Tania. 

Agradecemos a Tania as súas propostas e agasallámola con este poema do poemario citado de Lois Pereiro

DERRUBANDO MUROS CON PINTURA

Imos coñecer unha iniciativa mural ben gráfica que está a levarse a cabo ben pertiño de nós... 

Onde será? 

Quen nos pode ilustrar neste caso con palabras? Só pedimos unha palabra, un topónimo!!!!

Observando, observando... semella que dentro desta representación grafiteira agóchase toda unha historia, non si? 



Imos ver quen se atreve a nola contar!!!

Benvid@s ao mundo da escrita creativa!!!

segunda-feira, 6 de outubro de 2014

XA ESTAMOS DE VOLTA!!!

Rematou o descanso vacacional e a galaxia Coristranca está de novo virando e virando para inzar o mundo de palabras para ler e contar.

Imos reencontrarnos moitas persoas que xa vimos formando parte desta gran familia; tamén imos estrañar as que nos abandonaron fisicamente porque mudaron de centro para continuar coa súa formación, mais sabemos que nos han seguir fielmente por estes espazos interestelares.

E, como non!, iremos dando a benvida ao alumnado de 1º de ESO que se achega por primeira vez aos misterios deste club que sabe ler con moita retranca.



A primeira norma de cortesía é sempre presentarse debidamente, así que aló foron Daniel, Vanesa, Leticia e Iria a lles contar ás nosas novas visitas das aulas de 1º quen somos, que facemos, como nos organizamos...



E sabedes como sintetizou todo isto Daniel? Pois deste xeito tan singular:

O club de lectura é un lugar onde podedes descubrirvos a vós mesm@s

Non pode existir no mundo mellor obxectivo, va que si?

segunda-feira, 7 de julho de 2014

UNHA FESTA DE DESPEDIDA

O  curso rematou e as nosas tertulias literarias deben tomar un respiro. Andamos un precioso camiño de lecturas en común que retomaremos no próximo curso.





Despedida moi moi especial para o noso club de 4º ESO que nos abandonan. Canto as imos estrañar!!!! Menos mal que xa todas elas pasan a formar parte do Club das Ex-!!!




Bo verán tamén entre libros para todo o equipazo de Coristranca!!! Vémonos prontiño!!!


sábado, 5 de julho de 2014

O CLUB DAS EX-RECOMENDA (VI)

Nesta ocasión é a ex-profesora Silvana María Castro García quen toma a palabra lectora suxerente neste mundo Coristranca que ela axudou a nacer. Grazas, Silvana!!!


Ola amig@s de Coristranca!

Moito me presta volver por este blogue de cando en vez, e moito máis agora no verán, con todo o tempo de ocio para as lecturas que se amorean nos andeis.

Gustaríame compartir con vós, en primeiro lugar, as lecturas que teño pendentes, das que aínda non vos podo contar moito porque tratarei de lelas nas vindeiras semanas. Trátase d’A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz e A memoria da choiva de Pedro Feijoo.



A viaxe de Gagarin

Deste libro, o que podo dicir é que é de Agustín Fernández Paz, e con iso está todo dito, porque nunca defrauda, e porque a historia promete. Basta con botar unha ollada ao petisco que nos ofrece Xerais:


Doce de abril de 1961: o cosmonauta Iuri Gagarin convértese no primeiro ser humano en viaxar ao espazo exterior. Comezaba a era espacial, e tamén unha década que traería grandes cambios. Cincuenta anos despois, Miguel Mendiguren, un home na fronteira dos sesenta anos, mentres vela os días derradeiros da súa nai nun cuarto de hospital, lembra a proeza do cosmonauta ruso...”
 

Os anos 1961 e 2011 unidos polo recordo de Miguel, alcumado Gagarin, que lembra os seus anos mozos na Coruña nun contexto de segredos familiares, a descuberta do amor coa ditadura franquista como permanente ameaza e represión social.


A memoria da choiva


E se, como a min, che gusta a novela negra e os thriller policíacos onde pasar o tempo na procura do que pasou, este pode ser o teu libro. Tres son os personaxes principais: un psicanalista que colabora nun programa de televisión que aparece morto, unha profesora e un xornalista que se afanarán por resolver esta e outras estrañas mortes que lle seguen. 




E para rematar, gustaríame falarvos de tres das últimas lecturas que fixen que máis me gustaron: Brooklyn Follies, de Paul Auster e As rulas de Bakunin e Laura no deserto de Antón Riveiro Coello.



Brooklyn Follies

Nesta obra mestra de Paul Auster, o protagonista, Nathan decide cambiar de vida logo de sufrir un cancro de pulmón e merca unha casa en Brooklyn, onde se reecontra co seu sobriño Tom, e comeza un convivio de situacións onde se mesturan o amor, a familia, a amizade, e, sobre todo, o humor como escapatoria dos problemas da vida e como refuxio perante o medo á morte e á soidade. A pesar disto, Brooklyn Follies é un canto á vida e ao carpe diem, pero sobre todo, un canto á cidade de Nova York.






Laura no deserto

Que relación pode haber entre un campo de concentración nazi na Segunda Guerra Mundial, A Pobra do Caramiñal, Barcelona e Nova York? Pois para sabelo terás que ler esta inmensa obra que fala de tres historias que conducen a unha mesma persoa: Laura.

Trátase dunha novela longa e dura, pero que nos adentra nas profundidades máis escuras do ser humano e do seu instinto de supervivencia.




As rulas de Bakunin
A miña última proposta é a primeira novela de Riveiro Coello, As rulas de Bakunin, onde o propio título nos conduce á ideoloxía anarquista de comezos de século. O protagonista, Camilo, é un vello anarquista que viviu a Guerra Civil, o cárcere e o exilio e que, anos máis tarde, xa viúvo, lembra xunto ao seu neto, invidente, todo o que sufriu para recuperar a liberdade arrebatada. Unha emotiva novela que trata de recuperar a memoria histórica de tantas persoas que loitaron por sobrevivir aos terribles anos da Guerra Civil e da represión franquista.