segunda-feira, 31 de março de 2014

CUESTIONARIO PROUST: BERTA DÁVILA


Hoxe o Cuestionario Proust preséntanos a escritora que axudou a nacer a nosa actual lectura no club de 4º ESO.

Velaquí algunhas das claves coas que se autodefine Berta Dávila, autora d´O derradeiro libro de Emma Olsen.

sexta-feira, 28 de março de 2014

EXTRA, EXTRA!


A vida ao redor deste noso club de lectura non deixa de medrar e unha nova póla irmá acaba de nacer.

Verónica e Lucía decidiron lanzarse ao mundo virtual para partillar connosco as súas lecturas. E non chegan soas, senón que teñen un gran equipo de colaboradoras!!!


Onde? Como? De que xeito? Toda a información aquí, no seu blog de crítica literaria: E ti que les?


Feitas as presentacións de cortesía, cederémoslle o paso ao seu espazo ben destacado na marxe esquerda desta nosa casa común Coristranca.

Benvidas!!!!

terça-feira, 25 de março de 2014

NOVO FALADOIRO LITERARIO

En Coristranca continuamos a devorar lecturas, deixarnos sorprender con novas historias e partillar palabras colectivas.



Nesta ocasión tocoulle a quenda á sección de 2º ESO, moi emocionada (aínda que tamén algo enfastiada por ese final tan dramático e inesperado) coa historia protagonizada pola confiada Isla, quen se nega a ver que o Xúpiter que se agocha detrás da pantalla nocturna do computador quizais non sexa quen di ser.




Non deixedes de vos mergullar n´O corazón de Xúpiter, da escritora Ledicia Costas.

FRANCISCO CASTRO VISITOU O NOSO CLUB DE LECTURA

Non podía haber mellor maneira de comezar esta semana...

Leticia, Julia, Vanesa, Óscar, Iria e Os Beatles reciben a Francisco Castro na biblioteca

O autor d´O corazón da Branca de Neve visitou a nosa sección do club de 2º e 3º de ESO para coñecermos aínda máis do proceso de creación desta novela policíaca da que tanto gustamos. 

Tanto, tanto gustamos que xa estamos a agardar pola prometida nova historia que o inspector Hermida terá que descubrir! 




Moitas grazas, Francisco, por vires até Coristranca para explicarnos como concibes a túa escrita desde a necesidade de comunicar para transformar o mundo.

terça-feira, 18 de março de 2014

PARLAMENTO DAS LETRAS CON ROSA ANEIROS


O blog do crítico literario Armando Requeixo ofrécenos unha nova entrevista coa autora de Ámote Leo A., recente lectura da nosa sección do club de 4º.

Escoitemos as palabras da escritora Rosa Aneiros reflexionando sobre a súa propia escrita nesta nova entrega do apartado "Parlamento das letras" que nos ofrece o blog Criticalia.

segunda-feira, 10 de março de 2014

CRÓNICA REPORTEIRA TERTULIANA

O xoves 6 de marzo retornamos do entroido con moitas ganas de conversa, por iso, e por primeira vez, confluímos na tertulia os grupos de 3º e 4º de ESO con cadansúa lectura.

As alumnas e as profas de 4º viñan moi viaxadas despois de leren Ámote Leo A., a primeira parte da triloxía recén estreada de Rosa Aneiros, e logo de participaren coas súas fotografías tan creativas na campaña lanzada pola autora na súa conta de twitter.





Unha sección de 3º inaugurou a lectura da novela negra de contorno policíaco da man d´O corazón da Branca de Neve, de Francisco Castro e presentáronllo ás anteriores como nova suxestión de lectura que moito as atrapou.




Pola súa parte, a outra sección de 3º optara desta volta por non deixar escapar unha lectura moi recomendada polo grupo de 4º, Futuro imperfecto, de Xulia Alonso




Fantástica xornada de intercambio de palabras e emocións!




domingo, 9 de março de 2014

NOVA RESEÑA LITERARIA

Logo da tertulia literaria do pasado xoves, Iria Castiñeiras entréganos o seu comentario sobre a lectura O corazón da Branca de Neve, de Francisco Castro.

Seguro que a partir de aquí xa ninguén resistirá a tentación de ler esta novela...



O Corazón da Branca de Neve é unha novela policial e de suspense que narra a historia de Leila, unha moza inmigrante ilegal á que lle rouban o seu bebé, despois de ser enganada por unha mafia que se dedica a traficar mulleres embarazadas para despois roubarlles os seus fillos. 

O inspector Hermida deberá facerse cargo deste estraño caso, o cal lle traerá máis problemas dos que el pensa.
 
Recomendo este libro porque é moi entretido e realista. Trata temas que podes ver na prensa ou na televisión calquera día, e os seus personaxes parecen sacados da vida real. 
Ademais, non se fai pesado en ningún momento.