sexta-feira, 30 de maio de 2014

ENTREVISTAMOS A ESCRITORA LEDICIA COSTAS



Ao longo deste curso seguimos coas nosas lecturas a evolución no exercicio da escrita de Ledicia Costas.


Primeiro descubrimos con emoción a súa novela Unha estrela no vento...


Prendados da súa sensibilidade, deixámonos sorprender por outros escenarios, personaxes e temáticas actuais ben diferentes en O corazón de Xúpiter... 


E continuamos coa última novela que recibimos da autora, a desasosegante Recinto Gris...

Foron moitos os interrogantes e reflexións que xurdiron a raíz destas lecturas. Algunhas delas transmitímosllas á propia autora por correo electrónico e amabelmente non dubidou en respondernos ben axiña.

O noso agradecemento pola súa atención mentres estamos á espera da súa próxima visita ao noso centro.




ENTREVISTA
    1. De onde naceu a idea de traballar a temática que desenvolves en Recinto Gris?
A idea naceu nunha época na que eu estaba a documentarme para a escrita dun libro de relatos arredor da Segunda Guerra Mundial. Afondei no tema dos totalitarismos e, máis en concreto, do ascenso do nacionalsocialismo en Alemaña e nas súas repercusións. Decateime entón de que nos plans de estudos non se abordaba prActicamente este tema. Fun máis alá e percibín que existía un enorme baleiro académico no que se refire aos holocaustos. Entón díxenme: se nos centros de ensino non se estudan os xenocidios, temos un problema. E decidín abordar o tema nunha obra, para que puidese ser tratado nas aulas, aínda que sexa de xeito transversal. 

        2. Entendemos que a protagonista Nube representa o perfil dunha nena autista. É así? Por que esta escolla? 

O que padece Nube exactamente é Síndrome de Asperger. Escollín este trastorno porque na sociedade existen moitas persoas que conviven con este problema, tanto nenos e nenas coma persoas adultas. Quixen poñer de manifesto algunhas das dificultades coas que se atopan os Asperger na súa vida diaria  (dificultade á hora de interaccionar socialmente, problemas de comunicación…), así como a súa excelencia intelectual. Quixen desmitificar a imaxe que se ten das persoas que padecen este tipo de trastornos incidindo nas problemáticas do día a día.
 
           3. O avó de Nube é inventor e o teu avó tamén. Quixeches facerlle unha homenaxe?

Si, de algún xeito o avó de Nube é o meu avó. Aínda que o carácter de ambos é ben distinto, os dous teñen moitísimas cousas en común: a chaqueta de la coas pegatinas dos kiwis, a máquina para frixir gatos, a obsesión polo coche e a manía de poñerlle unha estufa no inverno para que non pasase frío, a habilidade para fabricar aparellos de radio… todas esas características do avó de Nube están sacadas do meu avó, que era un home ben singular.

       4. Con que personaxe de Recinto Gris te identificas máis? 

Coido que con Mun. É o meu personaxe favorito. Del valoro a súa honestidade, a súa valentía, a súa capacidade para amar sen concesións… ten todas aquelas virtudes que eu máis valoro nas persoas.

       5. Que personaxe che gustou menos ou custou máis traballo crear? 

Se son sincera, saíron todos de xeito espontáneo. Moitos deles, como Carraña ou o Home do Transistor están sacados da vida real. En concreto, eles están inspirados en dous pobres de pedir aos que é habitual velos nas rúas céntricas de Vigo. Tan só tiven que observalos e inventarlles unha historia. Resúltame bastante sinxelo crear o tipo de personaxes que aparecen en Recinto Gris, saen case case de xeito natural.

       6. Por que o exército son persoas con cabeza de lobo e non doutro animal? 

Porque os lobos son depredadores, o seu aspecto é moi fero e infunden medo. Valorei a posibilidade de que fose outro animal, pero non producía o efecto tan contundente que producen os lobos. A imaxe dun home con cabeza de lobo é rotunda. Ou, polo menos, a min pareceumo mentres escribía a novela.

       7. Como te sentiches unha vez rematada a escrita desta novela? 

Sentín que escribira exactamente o que quería: unha distopía que integra elementos do realismo máxico, na que se achega ao lectorado un tema para min imprescindible, como é o holocausto e o funcionamento dos sistemas totalitaristas. E máis aínda, nestes momentos en que a ultradereita ascendeu en Europa de xeito tan preocupante. A única posibilidade de non cometer os mesmos erros no futuro, é coñecer os erros que se cometeron no pasado. Necesitamos rapazas e rapaces con capacidade crítica e con vontade de cambio.








 




terça-feira, 27 de maio de 2014

COÑECENDO O RECINTO GRIS


Ledicia Costas amosounos un lugar habilitado para encerrar as diferenzas, aqueles trazos peculiares das persoas que non encaixan no que alguén entende por normalidade. 

Este Recinto Gris, dominado por un exército de lobos, representa a intolerancia que ao longo da historia ten escrito páxinas de morte e traxedia humana. 

Hoxe lemos para coñecer a historia e non estarmos condenados a que se repita nunca máis!




terça-feira, 20 de maio de 2014

CHEGAMOS A UN NOVO FALADOIRO



O luns 19 de maio encontrámonos nun novo faladoiro para reflexionar sobre unha problemática infantil universal que nos achegan os relatos escritos por Fina Casalderrey e Francisco Castro en O neno can.


Os dereitos máis básicos da infancia vulnerados en sociedades e culturas máis ou menos perto de nós ás que a escrita a catro mans deste libro nos achega con extraordinaria sensibilidade, porque, como di Mahatma Ghandi:

O máis terrible das cousas malas da xente mala é o silencio da xente boa.

sexta-feira, 16 de maio de 2014

DE PENÉLOPE A GALIZA

"Un paso adiante e outro atrás, Galiza,
e a tea dos teus soños non se move.
A espranza nos teus ollos se espreguiza.
Aran os bois e chove.

Un bruar de navíos moi lonxanos
che estrolla o sono mol coma unha uva.
Pro ti envolveste en sabas de mil anos,
e en sonos volves a escoitar a chuva.

Traguerán os camiños algún día                   
a xente que levaron. Deus é o mesmo.
Suco vai, suco vén, ¡Xesús María!,
e toda cousa ha de pagar seu desmo.

Desorballando os prados coma sono,
o Tempo vai de Parga a Pastoriza.
Vaise enterrando, suco a suco o Outono.
¡Un paso adiante e outro atrás, Galiza!"

Xosé Mª Díaz Castro (1914-1990)

segunda-feira, 12 de maio de 2014

EN COMPOSTELA CON ROSA ANEIROS E LEO A.

Resulta difícil pensar nun mellor xeito de pechar a lectura do primeiro volume da triloxía Ámote Leo A.

Aconteceu o pasado luns 5 de maio, mes das letras. Unha mañá ben diferente en que descubrimos, sorprendidas, unha gran biblioteca como é a Ánxel Casal.



Mais a sorpresa final fíxose agardar até as 14 horas cando recibimos nesta imponente casa dos libros compostelá a escritora que teceu os fíos da viaxe de Leo A.: Rosa Aneiros.




Preguntas e respostas conviviron neste tempo de conversa que nos axudou a completar a nosa lectura primeira con descubertas inesperadas. Quen nos diría que xa visitaramos previamente esta biblioteca nalgunha páxina!!!