segunda-feira, 7 de julho de 2014

UNHA FESTA DE DESPEDIDA

O  curso rematou e as nosas tertulias literarias deben tomar un respiro. Andamos un precioso camiño de lecturas en común que retomaremos no próximo curso.





Despedida moi moi especial para o noso club de 4º ESO que nos abandonan. Canto as imos estrañar!!!! Menos mal que xa todas elas pasan a formar parte do Club das Ex-!!!




Bo verán tamén entre libros para todo o equipazo de Coristranca!!! Vémonos prontiño!!!


sábado, 5 de julho de 2014

O CLUB DAS EX-RECOMENDA (VI)

Nesta ocasión é a ex-profesora Silvana María Castro García quen toma a palabra lectora suxerente neste mundo Coristranca que ela axudou a nacer. Grazas, Silvana!!!


Ola amig@s de Coristranca!

Moito me presta volver por este blogue de cando en vez, e moito máis agora no verán, con todo o tempo de ocio para as lecturas que se amorean nos andeis.

Gustaríame compartir con vós, en primeiro lugar, as lecturas que teño pendentes, das que aínda non vos podo contar moito porque tratarei de lelas nas vindeiras semanas. Trátase d’A viaxe de Gagarin de Agustín Fernández Paz e A memoria da choiva de Pedro Feijoo.



A viaxe de Gagarin

Deste libro, o que podo dicir é que é de Agustín Fernández Paz, e con iso está todo dito, porque nunca defrauda, e porque a historia promete. Basta con botar unha ollada ao petisco que nos ofrece Xerais:


Doce de abril de 1961: o cosmonauta Iuri Gagarin convértese no primeiro ser humano en viaxar ao espazo exterior. Comezaba a era espacial, e tamén unha década que traería grandes cambios. Cincuenta anos despois, Miguel Mendiguren, un home na fronteira dos sesenta anos, mentres vela os días derradeiros da súa nai nun cuarto de hospital, lembra a proeza do cosmonauta ruso...”
 

Os anos 1961 e 2011 unidos polo recordo de Miguel, alcumado Gagarin, que lembra os seus anos mozos na Coruña nun contexto de segredos familiares, a descuberta do amor coa ditadura franquista como permanente ameaza e represión social.


A memoria da choiva


E se, como a min, che gusta a novela negra e os thriller policíacos onde pasar o tempo na procura do que pasou, este pode ser o teu libro. Tres son os personaxes principais: un psicanalista que colabora nun programa de televisión que aparece morto, unha profesora e un xornalista que se afanarán por resolver esta e outras estrañas mortes que lle seguen. 




E para rematar, gustaríame falarvos de tres das últimas lecturas que fixen que máis me gustaron: Brooklyn Follies, de Paul Auster e As rulas de Bakunin e Laura no deserto de Antón Riveiro Coello.



Brooklyn Follies

Nesta obra mestra de Paul Auster, o protagonista, Nathan decide cambiar de vida logo de sufrir un cancro de pulmón e merca unha casa en Brooklyn, onde se reecontra co seu sobriño Tom, e comeza un convivio de situacións onde se mesturan o amor, a familia, a amizade, e, sobre todo, o humor como escapatoria dos problemas da vida e como refuxio perante o medo á morte e á soidade. A pesar disto, Brooklyn Follies é un canto á vida e ao carpe diem, pero sobre todo, un canto á cidade de Nova York.






Laura no deserto

Que relación pode haber entre un campo de concentración nazi na Segunda Guerra Mundial, A Pobra do Caramiñal, Barcelona e Nova York? Pois para sabelo terás que ler esta inmensa obra que fala de tres historias que conducen a unha mesma persoa: Laura.

Trátase dunha novela longa e dura, pero que nos adentra nas profundidades máis escuras do ser humano e do seu instinto de supervivencia.




As rulas de Bakunin
A miña última proposta é a primeira novela de Riveiro Coello, As rulas de Bakunin, onde o propio título nos conduce á ideoloxía anarquista de comezos de século. O protagonista, Camilo, é un vello anarquista que viviu a Guerra Civil, o cárcere e o exilio e que, anos máis tarde, xa viúvo, lembra xunto ao seu neto, invidente, todo o que sufriu para recuperar a liberdade arrebatada. Unha emotiva novela que trata de recuperar a memoria histórica de tantas persoas que loitaron por sobrevivir aos terribles anos da Guerra Civil e da represión franquista.