quinta-feira, 27 de novembro de 2014

A FUME DE CAROZO!




Xa chegou o momento de escoitar por primeira vez ou de volver a encontrarnos nas ondas internetplanetarias.

O noso foi o programa número 150 de "A fume de carozo", emitido o 25 de novembro de 2014, Día contra a Violencia de Xénero. Está promovido polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña e grávase no estudo "José Couso" de Radio CUAC FM.

De violencia de xénero e tamén de literatura, cunha entrevista a Ledicia Costas, o equipo de locución estivo composto polas alumnas de 4º e membros do Club de Lectura de centro, Iria Castiñeira, Vanesa Varela, Leticia Muíño e Nerea Fuentefría.

Grandes parabéns para todas elas!!!

FANTÁSTICA EXPERIENCIA RADIOFÓNICA!

Renovamos as expectativas previas á xornada de gravación. O tempo de elaboración do guión, o intercambio de opinións, a escolla de lecturas e banda sonosora musical, etc. cedeu paso ao goce da emisión dun programa ao vivo.

Escoita atenta das primeiras instrucións técnicas...


... e no aire canda as nosas palabras e as de Ledicia Costas nunha entrevista ben esclarecedora para o equipo.



O noso agradecemento para todas as persoas que o fixeron posíbel e moi especialmente para o técnico, Roberto Catoira, sen cuxo estímulo e colaboración sería imposíbel termos vivido esta experiencia que, sen dúbida, repetiremos este curso.



E para quen non nos puido escoitar en directo, teredes unha nova oportunidade de acceso ao programa on line que vos facilitaremos en breve.

domingo, 23 de novembro de 2014

CORISTRANCA VOLVE A RADIO CUAC FM


 Continuando coa nosa experiencia radiofónica iniciada o curso pasado, Coristranca desprazarase á Coruña este MARTES 25 DE NOVEMBRO á emisora RADIO CUAC FM para gravar unha nova edición do programa

 "A Fume de Carozo".

Vanesa, Nerea, Iria C. e Leti de 4º A serán as encargadas de preparar o guión e conducir a gravación que terá como eixo nuclear a coincidencia desta data co Día contra a violencia de xénero.

Para ir adiantando algo dos contidos que poderedes escoitar ao vivo o propio martes, entre as 17 e as 18 horas, dádelle unha ollada a este blog, Mujer sin cadenas.

sexta-feira, 21 de novembro de 2014

ARRANCAMOS TEMPADA TERTULIANA

O vindeiro LUNS 24 de NOVEMBRO celebramos quedada tertuliana para pór en común as primeiras lecturas das seccións do club de 3º e 4º.

Todo a punto para viaxar entre liñas da man dos primeiros títulos narrativos da tempada 14-15..



segunda-feira, 17 de novembro de 2014

QUEN SERÍAN AS AUTORAS E AUTORES MÁIS LIDOS NO CURSO PASADO?


OS TÍTULOS MÁIS LIDOS DO CURSO 2013-2014



O espazo dixital Ler en mancomún dos Clubs de Lectura acaba de nos ofrecer o balance lector do curso pasado.

Queredes saber cales foron os títulos máis lidos do curso pasado? Ollade por aquí...

Entre os destacados están algunhas das nosas lecturas máis coristranqueiras: Futuro imperfecto, de Xulia Alonso, Todos somos, de Marcos Calveiro, Engurras, de Paco Roca ou O corazón de Xúpiter de Ledicia Costas.

sexta-feira, 7 de novembro de 2014

SOBRE DA MORTE DE BIEITO, RAFAEL DIESTE


Velaquí vos deixamos por hoxe coa lectura dixital dos pequenos relatos dun auténtico clásico:

 Dos arquivos do trasno, de Rafael Dieste.

Un bo comezo lector pode ser este primeiro relato que atoparedes no enlace anterior, intitulado "Sobre da morte de Bieito".

Como reaccionariamos se, de súpeto, embargadas pola emoción máis sentida, no camiño ao camposanto acompañando o cadaleito dun amigo ou familiar, temos a sensación de que no seu interior algo se move?

 

E ENMA CONTOU COMO É ESTA BRUXA TAN ESPECIAL...



... á rapazada de 1º e 2º de educación primaria na nosa biblioteca de secundaria.

Non fomos quen de lles pór moito medo aos nenos e nenas do Pichel, pero pasar... pasámolo moi ben!

Graciñas pola vosa visita! 

Volvede axiña!!!


terça-feira, 4 de novembro de 2014

LECTURAS CON MOITO MEDO! (II)

A semana foi transcorrendo entre palabras de medo e a biblioteca foi o lugar do noso encontro co alumnado de primaria e de secundaria.

Unha parella representativa de 2ºB e de 3ºA foi quen de recoller todos os medos da súa aula e recoñecelos en público. A quen e a que pensades que lle teñen medo?



Algunhas das participantes no club de lectura prepararon lecturas para o alumnado do 1º  e 3º ciclo de primaria. 

Serían capaces de lles pór medo?




Incluso algunha escritora nos leu o seu microrrelato premiado no concurso concocado polo EDLG.


E algunhas transformáronse para sentir ao vivo a noite de Samaín!!! 



E tamén houbo quen non dubidou en partillar o tempo de recreo de secundaria para pór en común personaxes e accións que fan tremelicar ou convivir por uns segundos co suspense...


Sen dúbida uns recreos, para secundaria, e unha hora de ler, en primaria, ben diferentes!!!

Para o ano que vén, ameazamos con recuncar!!!

segunda-feira, 3 de novembro de 2014

RECOMÉNDAME UN LIBRO



A lectura tamén se contaxia co boca a boca, por iso sempre agradecemos que alguén nos suxira algún título, va que si?


Imos ver o menú que nos propón a Tabela dos Libros que cada mes nos propón o crítico Armando Requeixo no seu blog Criticalia


Literatura para todos os gostos e para todos os públicos neste mes de novembro que xa recibimos inaugurando o outono!!!