segunda-feira, 27 de abril de 2015

CORISTRANCA A FUME DE CAROZO




Xa temos aquí o terceiro e último programa de radio deste curso escolar, locutado por representantes da sección do noso club de lectura de 3º ESO: Samuel, Soraya, Elena, Carmen e Ana.

Desde este enlace podedes escoitar integramente o noso programa, inzadiño de palabras, lecturas e músicas.




Grazas por compartirdes connosco esta actividade tan ilusionante, escoitándonnos ao vivo, animándonos por watshapp e compartindo agora o noso traballo que xa anda polas ondas.

O noso agradecemento a Roberto Catoira por se encargar de que todo funcione estupendamente para que este programa número 164 do "A Fume de Carozo",  promovido polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña, fique en nós como unha lembranza inesquecíbel


terça-feira, 21 de abril de 2015

ATENCIÓN AO DIAL 103.4



Que andaría a facer así de preparado este equipo do noso club de lectura hoxe polo coruñés monte da Zapateira?



Atención ás próximas entradas deste blog que traerán sorpresas...

Que tal unha entrevista ao vivo con Begoña, a nosa profesora de francés e colaboradora do club de lectura?

Quen quere coñecer o autor uruguaio recentemente falecido, Eduardo Galeano?

A quen lle gusta a música heavy?


En breve, enlazaremos cun novo programa "A Fume de Carozo", gravado no estudo "José Couso" da Radio CUAC FM.

Quen quere saber máis?


ABRIL, MES DOS LIBROS E DAS TERTULIAS


Este luns 20 de abril, en vésperas do Día do Libro, celebramos o encontro a partir de dúas lecturas ben diferentes: 

* A viaxe de Gagarin, de Agustín Fernández Paz 

*O diario vermello de Carlota, de Gemma Lienas.

En breve aparecerán por aquí senllas reseñas que vos convidarán a ler calquera destes dous títulos. 

Atentas!!!

LECTURAS A MEDRAREN

Vai avanzando o curso e as nosas lecturas compartidas ocupan cada vez máis e máis espazo no noso corredor á vista de todas as olladas curiosas...


terça-feira, 14 de abril de 2015

RECOÑECEMENTO PARA O NOSO EQUIPO LOCUTOR


O Proxecto Neo, nado da colaboración entre Radio Burela e a Área de Innovación Educativa do IES Perdouro ocupou boa parte do tempo de emisión do seu programa número 121 centrando a atención no último programa de radio que o noso equipo locutor do club de lectura gravou recentemente.

 
Desde este enlace (a partir do minuto 33) podemos acceder ao programa que recoñeceu o traballo do noso alumnado personificado na entrevista a Soraya Mato de 3º A-ESO.


Parabéns por este recoñecemento para todo o equipo!

E xa anunciamos que o martes vindeiro un novo programa deste equipo voltará ás ondas!!!

domingo, 12 de abril de 2015

RESEÑEANDO

Retornan as reseñas literarias ao noso blog da man de Soraya Mato (3º A) ao redor da súa última lectura, Recinto Gris de Ledicia Costas.

O libro de Ledicia Costas, Recinto Gris, mostra unha temática á que tal vez non todo o mundo está moi acostumado.

Á cidade Vii chegou un exército de grandes e fortes homes de uniforme e cara de lobo que buscan recrutar a todo aquel que sexa "diferente" por consideraren que non cumpren os seus ideais.

A todas as persoas recrutadas trasládanas ao Recinto Gris, un lugar no que lles fan cambiar a súa vestimenta por un uniforme a raias e un número; a partir deste momento non teñen nome, perden a identidade.

Entre eses seres "diferentes" atópase Nube, unha nena solitaria e moi reflexiva á que lle encantan os peixes e á que tamén consideran "fóra dos prototipos".

A medio camiño de Recinto Gris descobre que non vivirá unha inquietante e infrahumana experiencia soa, xa que a seu avó tamén o levaran.

Sen dúbida ningunha, este é un libro que fai sentir moitas emocións e moi diferentes.

quinta-feira, 9 de abril de 2015

TERTULIA LITERARIA ESPECIAL

A volta das vacacións da Pascua gardádanos unha sorpresa pola que levabamos moito tempo agardando no club de lectura: desde finais do curso pasado, nin máis nin menos!

Sabemos que todo o bo se fai sempre de agardar, mais tamén chega e onte foi unha tarde especial grazas á visita da escritora Ledicia Costas.

Leti e Iria, de 4º A, presentáronnos moi amabelmente a autora das nosas lecturas: Unha estrela no vento, O corazón de Xúpiter, Recinto Gris e Escarlatina, a cociñeira defunta.


Foron moitas as preguntas e respostas que compartimos ao redor de cada novela, mais tamén de cada proceso creativo que se esconde en cada narración, inzadiño de acontecementos da vida de todas e tamén de anécdotas e experiencias persoais da propia autora.




Imposíbel ocultarvos o moito ben que ben o pasamos!!!



















Grazas pola túa visita, Ledicia, quedas en nós na lembranza e nas túas palabras impresas!!!