quarta-feira, 28 de outubro de 2015

LECTURAS QUE POÑEN MEDO

Estamos chegando á noite do Samaín e o club de lectura dispúxose para se poñer en situación de compartir lecturas que poñen medo dentro do programa de actos que organiza o Equipo de Dinamización da Lingua Galega.

A quen? Pois a todo o alumnado do centro, desde os máis pequenos de primeiro de primaria que nos visitaron na biblioteca na súa "Hora de ler" até os máis vellos de 4º de ESO que mudaron o patio e a cafetaría pola nosa sesión de tensionadas lecturas.

Velaí van as primeiras imaxes, mais atentas que aínda irán chegando máis... se alguén non as retivo no camiño... claro...







domingo, 25 de outubro de 2015

O CLUB D@S EX- RECOMENDA...



Ana Seoane Cives tamén se animou a visitarnos para compartir connosco unha das súas lecturas preferidas que pensa que pode ser do agrado dos actuais membros do club de lectura.

A ver que opinades desta proposta de Agustín Fernández Paz...









Noite de voraces sombras


“ Inda nos meus beizos arde

Con labaradas de febre

O bico daquela tarde.

Que puxeche nel non sei.

¡Tempo e tempo que vivira

doutro mal non morrerei!”



Noite de voraces sombras conta a historia de Moncho, un mestre republicano que tivo que abandonar a súa profesión durante a Guerra Civil e foi encarcerado na illa de San Simón. Esta historia é contada a través de Sara, a súa sobriña, quen descobre a historia do seu tío mediante un diario e diversas cartas.


Nesta novela trátanse diferentes temas (o amor, o misterio, a Guerra Civil...) considero que vos pode ser un texto doado de ler e de fácil comprensión, do cal estimo que é moi fácil prenderse e desexar chegar ata o final para descubrir que era o que Moncho gardara con tanto aprecio na illa de San Simón. 

O CLUB D@S EX- RECOMENDA...

Hoxe é Mónica Cancela Torreira a Ex- que nos visita para ofrecernos a súa visión e versión, literaria e fotográfica, da novela por ela escollida, O club da calceta, de María Reimóndez.

Quen pode resistirse á súa lectura despois destas palabras fermosas e dunha imaxe tan suxestiva?

Mónica e a súa avoa e tía-avoa no club da calceta da casa


Matilde, Anxos, Rebeca, Elvira, Luz e Fernanda son un grupo de seis mulleres, moi diferentes entre si, que atopan como nexo de unión as clases de calceta ofertadas pola Asociación Veciñal, as cales lles ofrecen a posibilidade de coñecerse entre elas. 

Pero como di unha das protagonistas: “A calceta non é o único que se coce nese forno …”. 

María Reimóndez, a autora, vainos contando unha a unha como son as súas vidas, coas súas alegrías, penas, recordos da infancia, problemas do día a día, traballos, homes que lles fan a vida máis ou menos fácil, etc. e como atopan na calceta unha maneira de evadirse do quefacer diario, así como tamén a forza necesaria que as axuda a escapar de todo aquilo que as frustra. 

A tía Davinia, unha muller xa falecida hai moitos anos, e a súa figura liberadora, é a que as inspira á hora de tomar decisións determinantes que mudarán as súas vidas para sempre. 

En resumo, no “club da calceta” técense historias inesquecíbeis contadas por mulleres que o que buscan é compartir as súas inquedanzas e experiencias sobre o mundo que as rodea, un mundo cheo de inxustizas e, sobre todo, machista, moi machista. 

Sen dúbida, trátase dunha novela que sorprende, engancha e que che fai volver atrás unha vez rematada … 100% recomendada.

terça-feira, 20 de outubro de 2015

O CLUB D@S EX- RECOMENDA...

Hoxe é a quenda da ex-alumna e parceira lectora na distancia física, ademais de recoñecida poeta, Rosalía Fernández Rial, quen escolleu unha obra poética como Penúltimas tendencias de Carlos Negro para reseñar para o Planeta Coristranca.

Grazas, Rosalía!




“Medrar é aprender a fuxir”: das conveccións sociais, das etiquetaxes prefabricadas, do sexismo, da opresión e dos estigmas. 

Precisamente a crecer dándolle a volta ao establecido nos ensina Carlos Negro no seu último poemario; Penúltimas tendencias

Un contra-manual en sete leccións predicadas por unha adolescente “case atea”, “convulsa e opaca”, que se nega a ser princesa “fashion & cool & chic & sexy”. 

Un diario heptagonal que nos mostra a cara inversa das modas impostas, das mulleres obxecto, dos filmes para mozas cun discurso patriarcal ou das “superpop megafashion”. 

Ben sabido é canto aprecia a rapazada coristanquesa o divertimento, a retranca e, sobre todo, a liberdade. Por iso considero que neste libro podedes atopar unha agra aberta onde correr e berrar sen medos nin prexuízos. Dentro dela non existen os lindes e toda a terra vos pertence; ferrado a ferrado, paso a paso, “verso a verso”. 

Medrando ceibes sobre a fertilidade da literatura rebelde.

sábado, 17 de outubro de 2015

O CLUB D@S EX- RECOMENDA...

Retomamos tamén neste curso a frecuencia das recomendacións e suxestións lectoras de quen foi en cursos anteriores membros do noso club de lectura e, aínda non estando presencialmente connosco, seguen a nos acompañar nesta viaxe devoradora de lecturas a través da rede.

Hoxe é Verónica Viqueira quen nos manda a súa reseña sobre a novela de Antón Cortizas, Leonel.




“De cando en vez, as miradas dos dous rapaces encontrábanse na delicadeza dunha bolboreta que brincaba no claroscuro da follaxe. Pero eles non o sabían. As súas miradas abalaban ao mesmo tempo que abalaba aquela folliña esmeralda a través da cal se filtraba a seta do sol. Pero eles non o sabían. […] 

O río falaba con algún merlo; e unha ra, ou dúas ou tres, dicían aquí estamos á súa maneira. Tamén os oídos de Miguel e Ana sentían as mesmas cousas, escoitaban os mesmos suspiros, atendían aos deformados moumeos dos fíos de auga que se facían seda pola canle abaixo. Os seus oídos tamén oían xuntos, pero eles non o sabían. Tampouco sabían que os seus corazóns amaban xuntos, aínda que non tardarían en sabelo.”  

Non sabendo como comezar a contar a apaixonante historia deste libro fágoo co fragmento que máis me gustou e non só por esa detallada descrición que deixa engaiolado a calquera (que aparece ao longo de todo o libro) ou polo feito de que sexa tan romántico, senón porque nesta parte Miguel e Ana teñen a conversación máis profunda , bonita e divertida de todo o libro. 

Comezando por onde debe ser: Miguel é un rapaz de 15 anos que vive en Ferrol, no centro da cidade, polo que ten unha vida simple e chea de comodidades. Seus pais deciden que vaia pasar todo o verán á casa de seus avós, nunha aldea pequena e afastada chamada Grandal. 

Os avós do noso protagonista tiveron que marchar a Uruguai por mor da mala vida que levaban, influída polo estalido da Guerra Civil. O avó, Duarte, marchara, ademais de pola situación de pobreza, porque tiña medo de que a súa vida correse perigo xa que el era coñecido como “ o republicano” (non por que o fose, senón porque seu pai si o foi). Quedan a vivir en América ata que dous meses antes da viaxe de Miguel , cando xa están xubilados,  volven para vivir a súa derradeira etapa no pobo da infancia de Duarte, Grandal.

Miguel móstrase moi remiso durante a primeira conversación entre el e seu avó, quen fala sen parar coa emoción de por fin pasar tempo co seu neto; ensínalle a cabana do Cimbro Vello que el máis o seu pai, bisavó de Miguel, construíran tempo atrás no monte para poder pasar alí algunhas noites e observar os lobos. O tema dos lobos é algo que a Miguel o trae de cabeza e que vai estar presente ao longo de todo o libro. 

O principal deste libro é Leonel, un pegureiro do tempo de Duarte que vivía en Grandal e ao que todo o mundo lle quería ben, posto que era moi conversador e bo contador de historias. Despois de que o avó de Miguel marchase para Uruguai, Leonel mercoulles a súa casa, pero pouco tempo despois pídelle a un veciño que lla coide durante 30 anos e dille que se el non volve durante ese tempo que a vendera. Esa foi a última vez que se soubo de Leonel … ata que Miguel descobre que este misterioso home deixou varias pistas tras a súa marcha en forma de pequenos relatos tallados na madeira; o primeiro lugar onde Miguel descubriu este raro cerco de pistas foi no escritorio de madeira da súa nova habitación en Grandal. 

Uns días despois coñece a Ana, unha rapariga da mesma idade del, que vive na zona e coa que emprenderá a fascinante aventura de descubrir que foi de Leonel. 

En conclusión. Unha lectura moi, moi levadeira coa que quedarás con ganas de máis tempo cos protagonistas e de Leonel …

segunda-feira, 12 de outubro de 2015

AO CINE CUN LIBRO DEBAIXO DO BRAZO


A praia dos afogados, de Domingo Villar, é o libro que comezamos a ler o grupo do club de lectura de 4º ESO, coincidindo no tempo coa súa estrea nos cines galegos, incluído por suposto nas salas de Carballo!

Adaptarase a película a este intrigante naufraxio que terá que descubrir o inspector Leo Caldas? 

Verémolo!

 E contarémolo por aquí!




domingo, 11 de outubro de 2015

MÁIS ACTUALIDADE SOBRE LEDICIA COSTAS



Durante toda a semana os nomes de Esmeraldina e Ledicia Costas non deixaron de soar coa ilusión do seu último premio.

Imos resumir algunha desas entrevistas televisivas achegándonos a esta realizada no programa A Revista da TVG e mais nestoutra do programa Diario Cultural da Radio Galega.

terça-feira, 6 de outubro de 2015

A MELLOR BOA NOVA PARA COMEZAR UN NOVO ANO LECTOR



Comezamos o novo curso lector coa mellor das novas posíbeis, a concesión do Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil á obra Escarlatina, a cociñeira defunta, asinada por Ledicia Costas.

Felices polo respaldo que este premio significa para a autora. 

Orgullosas polo valor engadido que este premio que concede o Ministerio de Cultura español traslada para a literatura galega. 

Honradas por termos entre as nosas boas amigas deste patio rexoubeiro de palabras e amizades que é o noso Club de Lectura á escritora Ledicia Costas.


Que non acreditades na nosa amizade? Pensades que imos de farol? Pois non tedes máis que mergullarvos na etiqueta Ledicia Costas na marxe dereita deste blog e decatarédesvos da relación e vinculación da autora connosco.

Imos adiantarvos algunha secuencia gráfica para incrédulas maiores!!!



I
Imposíbel non lembrar os bos momentos vividos coa lectura das súas novelas durante os cursos pasados, a súa amabilidade ao nos responder á entrevista radiofónica e a súa visita do curso pasado.

Parabéns, Ledicia!

ESTAMOS DE VOLTA!!!

E a pregunta chegou de inmediato canda o comezo do curso escolar: 

- Cando empeza o Club de Lectura?

Nestes días o forno das palabras comezou a quecer en silencio e en breve irá dando que falar e que oír e que ver...

Atención! Moi axiña iniciamos unha nova viaxe na mellor das compañas, as palabras e imaxes dos libros e as palabras compartidas entre alumnado, profesorado e algunha que outra sorpresa...

Hoxe imos recibirvos con este convite a soñar a lectura da escritora María Solar:


Benvidas!