domingo, 29 de novembro de 2015

CORISTRANCA NA RADIO

O prometido é débeda, así que xa temos todo pronto para que o noso primeiro programa deste curso chegue en diferido a todas as nosas radiooíntes. 

Con todas vós, o programa número 177 de "A Fume de Carozo"!!!

Foi unha experiencia de guionización laboriosa en que Elena e Ana exerceron de guías para Diego, Anna e Enma, que estaban de estrea na peixeira de Radio CUAC FM.

Precisamos moooooooita concentración...







... pero todo saíu estupendamente... ou non é así? 

Que pensades vós? 

Para quen non puido escoitarnos ao vivo, velaquí vos deixamos o enlace. E para quen moito gustou e quere descargar o programa, tamén pode acceder desde aquí.

O noso agradecemento a Roberto Catoira, técnico de son, que sempre nolo fai todo moito máis fácil e engaiolante e tamén ao Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña, promotor do programa.

A aperta máis grande para a nosa escritora de referencia, Ledicia Costas, multipremiadísima nos últimos meses, amiga deste club, que sempre nos recibe con todo o afecto e con quen mantivemos unha ben interesante conversa telefónica ao vivo. 

Non a perdades!!!!

Escoitámonos no vindeiro programa do 23 de febreiro!!! Xa estamos mans á obra!!!


terça-feira, 24 de novembro de 2015

CORISTRANCA VOLTA ÁS ONDAS

Si, si, estades a ler ben. Non é que voltemos facer surfing a Razo, non, é que esta tarde de martes voltaremos á peixeira do estudo de Radio CUAC FM para comunicarnos, desde o programa "A Fume de Carozo", coa nosa peña radiooínte que ben sabemos que agarda polo primeiro programa radiofónico desta tempada.

Queredes un avance? Ben, pois, falarémosvos de música con Guadi Galego, de deporte con Javi Gómez Noya.








Leremos un divertido relato de Xurxo Borrazás do libro Contos de taberna; manteremos unha entrevista cunha escritora galega de proxección nacional e internacional e moi querida polo lectorado do noso club cuxo nome é... ui! esqueceunos! Haberá que agardar a esta tarde para a descubrir... ;)



Ah! E tamén compartiremos impresións da nosa lectura, A praia dos afogados, cos colegas do club do IES de Poio. Que vos parece? Esta familia lectora medra e medra cada día máis! 



Vai haber música? Pois claro, coma sempre e da boa, non, da mellor!!!

Escoitámonos esta tarde ao vivo no 103.4!!!

terça-feira, 17 de novembro de 2015

E SEGUIMOS DE CELEBRACIÓN CON LEDICIA COSTAS


Apenas un mes despois da noticia da concesión do Premio Nacional de LIX para a nosa amiga Escarlatina, a súa autora, Ledicia Costas, volve ocupar portadas informativas e mais a nosa fachenda orgullosa como lectorado amigo da súa obra, cun novo premio.

O xurado do Premio Lazarillo de Creación Literaria, que concede, a nivel estatal, a Organización Española para o Libro Infantil e Xuvenil (PEPLI), destacou a altísima cualidade da obra Jules Verne e a vida secreta das Femmes Plante que Ledicia Costas presentou a concurso.

Mentres agardamos a ler a obra na vindeira primavera, imos descubrindo algunhas ideas sobre o fondo desta nova novela.


segunda-feira, 16 de novembro de 2015

O CLUB D@S EX- RECOMENDA...

Toma a palabra desta volta quen foi compañeiro e profesor inesquecíbel de lingua e literatura galega no noso centro, Xan Fernández Carrera.

A novela A xeira das árbores, de Teresa Moure, é a escollida por el para esta presentación que sen dúbida nos atrapará no seu convite de lectura.

Grazas, Xan!



Antes de nada quero felicitar ao club de lectura e ao seu blogue “Coristranca” do CPI Alcalde Xosé Pichel de Coristanco polo traballo que está a realizar en prol da animación á lectura, unha das actividades máis nobres do ser humano. Onde hai un lector ou unha lectora, hai unha persoa culta, reflexiva, tolerante, sensible, receptiva e amante da liberdade.
Para seguir fortalecendo estes valores convídovos á lectura do libro A XEIRA DAS ÁRBORES da escritora compostelá Teresa Moure.
Trátase dunha novela curta que discorre ao longo dun día, que se distribúe por horas, segundo as tarefas que a protagonista, Clara, vai desenvolvendo durante a mañá, a tarde e a noite. Con esta división tan detallada do tempo quere transmitirnos a sensación do ritmo estresante da vida actual.
Unhas veces é o narrador o que nos vai relatando o que acontece, pero outras será a propia protagonista a que conte a súa  vida. Hai pouco diálogo e nel temos que imaxinar nunhas ocasións as preguntas e noutras, as respostas. Mais tamén hai reflexións e monólogos.
A autora a través da protagonista preséntanos unha muller que loita por ser libre e independente, e fuxir do papel que a sociedade lle atribúe. Quere ser ela por enriba de todo,   a pesar de terse que enfrontar  cunha vida dura, sen axuda da familia, nin das parellas coas que tivo os tres fillos desexados. Isto suponlle unha intensa actividade  ao longo da xornada: levar os cativos ao colexio, axudarlles a facer os deberes, prestarlles atención nas súas necesidades domésticas e mesmo participar dos seus xogos. Pero ademais ten que atender ao seu traballo de tradutora e enfrontarse ao machismo do xefe e tamén ao da propia rúa.  Son moitas as dificultades que ten que superar e poucos os momentos que dispón para poder gozar da súa vida persoal, pero Clara intenta ser forte e resistir como unha árbore ben enraizada.
En fin, un libro que nos fala da vida cotiá, do amor, da liberdade,  do machismo...,  no que a problemática da muller está presente ao longo de todas as súas páxinas e tamén o ritmo frenético da vida actual que nos absorbe e a penas nos queda tempo para desenvolvernos como persoas.
Anímovos a ler esta noveliña para que coñezades a vida dunha muller loitadora, que se podería corresponder con calquera que vive ao voso redor.

quinta-feira, 12 de novembro de 2015

MÁIS PARABÉNS PARA LEDICIA COSTAS E ESCARLATINA


O club de lectura de 2º ESO lembra con agarimo a lectura de Escarlatina, a cociñeira defunta, realizada o curso pasado e aproveita para recoñecer a escritora Ledicia Costas publicamente, máis unha vez, polo importante premio que acaba de recibir, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil.

Encontrarémonos neste novo curso coas túas lecturas, Ledicia! 

E quen sabe se volveremos pasar unha nova tarde estupenda na túa compaña!




terça-feira, 10 de novembro de 2015

O CLUB D@S EX- RECOMENDA...

O noso club externo de amizades lectoras continúa a medrar grazas á proposta e convite literario que nos fai chegar Alba Varela Pose desta gran novela de Antón Riveiro Coello, As rulas de Bakunin.

Quen será a primeira persoa que caia na tentación?


“Camilo está sentado na sala de estar, alí onde noutrora estivera a corte, e mesmo reinventa o fedor estrumento de entón, cando se procuraba a temperatura natural para os fiandeiros. Está triste porque o seu pensamento viaxa pola parte máis negra da súa vida enchéndoo todo de sombras antigas: o frío homicida do monte, a melancolía cerval da ausencia, o cárcere, a dor…
Lázaro entra, rexistra os obxectos co seu tacto audaz e recoñece axiña a presenza pola respiración entrecortada:


-          ¿Qué fas, avó?


-          Loitar cos recordos.”


 “Esa loita comigo mesmo, ese illamento solitario, marcoume de vez. O frío nos pés aterecidos, a humidade pegañenta na que nadaban os meus ósos asomadores entre miñocas coma serpes, o sangue no cuspe, a fame implacable, o cansazo moral, a perda dos caídos que ían deixando indelebles feridas de ausencia -todos perduran no meu cerebro coma un tumor-, a criba da chuvia no patio, o renxer da sirena, o medo físico á morte…, todo se metía por entre as liñas e desconcentrábame. Por veces, alarmado por unha derrota provisional, víame camiñando pola galería, esquivando as olladas larvadas dos compañeiros presos que me miraban con esa misericordia circunspecta que se lles dispersa aos condenados no seu último paseo; algúns mesmo me reprochaban con voces defraudadas o fracaso da miña retentiva”.



Este libro relátanos a vida de Camilo Sabio Roldán, un home que viviu en diferentes épocas (república, ditadura e democracia), as cales lle afectaron na súa vida, no camiño que esta tomou e na súa forma de ser. 

As rulas de Bakunin é un libro entretido no que imos coñecendo pequenos intres da historia, grazas a Camilo e a súa familia, e no que vemos exemplos de superación e de valentía ante as trabas que nos van aparecendo ao longo do noso percorrido vital. 

Este libro agocha máis dunha sorpresa nas súas páxinas, o que o fai moi recomendable.

domingo, 8 de novembro de 2015

LECTURAS DE SAMAÍN (III)

E agora é a quenda de Julián, compañeiro lector de 3º ESO, quen comparte connosco a lectura da súa escrita persoal representada neste relato gañador da pasada convocatoria de Samaín.


LECTURAS DE SAMAÍN (II)

Agora toma a palabra María, compañeira de lecturas do grupo de 3º ESO, que nos le o seu relato de medo gañador na edición do concurso convocado na última edición.


LECTURAS DE SAMAÍN (I)

Imos traer para este espazo de encontro algunhas das lecturas que diferentes membros do noso club realizaron nos recreos na biblioteca para o alumnado de secundaria.

Comezamos coa compañeira de 4º ESO, Soraya... a ver que medos a acompañan...