quinta-feira, 25 de fevereiro de 2016

MISTERIO DESVELADO

Averiguamos que era o que andaban a argallar as tres compañeiras do club de lectura, Miriam, Nuria e María.



Escoitámolas en directo na súa estrea radiofónica no programa "A Fume de Carozo", emitido o pasado martes 23 de febreiro e promovido polo Equipo de Dinamización da Lingua Galega do Colexio Calasanz (PP. Escolapios) da Coruña. 

Para atender as vosas peticións, xa que non todos puidestes estar pendentes da emisión ao vivo, partillamos agora convosco o enlace para que aprendades e gocedes tanto coma nós coa elaboración deste guión radiofónico.



Reiteramos o noso agradecemento ao escritor cormelán Suso Lista pola atentísima entrevista que nos concedeu.

E a todos os nosos radiooíntes, grazas polos ánimos e por seguirnos!!!!






terça-feira, 23 de fevereiro de 2016

ARGALLANDO...

Hoxe pillamos in fraganti a Nuria, Miriam e María moi concentradas entre papeis... Que andarán a argallar?



Só sabemos que quedaron de verse para unha cita que teñen entre as 17 e as 18 horas no ar ou nas ondas... irán dar unha volta polas ondas gravitacionais esas que están tan á moda?

Tirámoslle da lingua e só puidemos averiguar que o misterio se desvela hoxe no 103.4 FM.

Non perderemos o fío até descubrir que traen entre mans máis aló dos papeis...

domingo, 21 de fevereiro de 2016

NOVA XEIRA TERTULIANA

O equipo lector de 3º ESO estreou unha nova xeira tertuliana o pasado xoves para pór en común as experiencias vividas coas lecturas de tres obras narrativas de Ledicia Costas: Unha estrela no vento, O corazón de Xúpiter e Recinto Gris.

Fantástico reencontro con todas as emocións para partillar a flor de pel.


Reencontrarémonos na próxima aventura lectora. Cal será?