sexta-feira, 15 de abril de 2016

EUROPA EXPRESS, ANDREA MACEIRAS




O club de lectura de 2º ESO estivo a ler a última novela de Andrea Maceiras titulada Europa Express, que foi o pasado verán Premio Jules Verne de Literatura Xuvenil.

A piques de comezar con esta lectura os compañeiros e compañeiras de 3º, imos ir partillando por aquí algunhas das primeiras impresións que intercambiamos na tertulia deste pasado luns 11 de abril.

Europa Express está moi ben porque se basea na vida real e porque manexa conceptos moi graciosos como o "pijerío" de Mia ou o moito que lle gustaba o "ligoteo" a Óscar.

                                                                                                             María (2ºB)


Esta novela é moi entretida porque conta unha historia de amor bastante complicada. Tamén ten partes moi graciosas vividas con algúns personaxes. Ademais, viaxas co libro, xa que os detalles sobre as diferentes cidades que visitan resultan sorprendentes.
   
                                                                                                            Uxía (2ºB)




Para min foi probablemente o mellor libro que lin en galego na miña vida. O que me pareceu incrible foi que Xacobe aguantaba todas as súas desgrazas (o abandono da nai, que non quería saber del, que o pai tamén intentase librarse del...), aínda que tamén me pareceu moi machista o que lle facía a Aroa.
Por outra parte, tamen me encantou como describía os lugares, xa que é fantástica a maneira en que é capaz de transportarnos á escena dos personaxes por distintos lugares de Europa.

                                                                                                             Aarón (2ºA)

A lectura foi moi entretida e rin moito con algúns personaxes, xa que son únicos e realistas. A través do libro puidemos viaxar cos personaxes e aprender cousas doutros lugares (como o daquel pobo independente de Suecia). Tamén me gustou moito ver como cambiaron as vidas dos personaxes ao longo do tempo e como eran dez anos despois daquela viaxe.

                                                                                                             Ana (2ºB)


O libro gustoume moito, os personaxes son moi realistas e as historias dos rapaces do grupo eran moi diferentes. O libro está moi ben, é moi entretido e é un dos mellores que lin.

                                                                                                            Adriana María (2ºB)

segunda-feira, 11 de abril de 2016

RESEÑEANDO

TES ATA AS DEZ, FRANCISCO CASTRO - EDITORIAL GALAXIA



A penúltima novela de Francisco Castro, Tes ata as dez, narra a historia de Toni, un home de 40 anos, procedente dunha familia acomodada, que tras a recente morte do seu pai, recibe un email cuxo remitente parece ser este mesmo.

A partir deste correo, Toni deberá seguir as pistas e pescudar todo o que o pai lle vai indicando ao longo de sucesivos misteriosos correos electrónicos.

E para facelo deberá basearse nos xogos da súa infancia e na lembranza dunha lectura determinante.

Tes ata as dez é unha entretida novela que non deixa a ninguén indiferente, cunha manchea de sorpresas.

Francisco Castro logra que o lector investigue ao mesmo tempo que o debe facer Toni e participe na novela como un personaxe máis.

Soraya Mato, 4º A

segunda-feira, 4 de abril de 2016

LEMBRANZA GRÁFICA DO DÍA DE ROSALÍA

Aínda que estes últimos cursos xa viñamos celebrando o Día de Rosalía -24 de febreiro- este curso foi especial e ben diferente.



Comezamos a mañá agasallando a comunidade educativa con versos de Rosalía de Castro e mais da nosa poeta máis próxima, nada na parroquia de Seavia, Asunción Antelo.



Deseguido desprazámonos á Casa da Cultura para facer unha homenaxe maior ás dúas poetas grazas á colaboración da Concellaría de Cultura.



















O club de lectura deu vida a unha escolma de textos de Rosalía de Castro e mais da súa discípula, Asunción Antelo, que moito nos gustaron.














Finalmente, para que ninguén na redonda ficase sen saber da importancia da data, visitamos o comercio local para continuar a partillar a poesía de Rosalía e Asunción entre a nosa veciñanza.


Que día tan intenso e fermoso!!!