sábado, 29 de outubro de 2016

O TOP DE LECTURAS


Xa coñecemos cales foron as lecturas favoritas dos clubs escolares galegos.

Seguro que nos recoñecemos nalgúns deses 50 títulos preferidos ao longo do curso pasado.

Unha boa guía orientativa, sen dúbida, para as propostas deste curso que xa iniciamos nos diferentes grupos do noso club: 

Coristranca, a lectura con retranca:  

A dúbida, de María Reimóndez

Ámote Leo A, de Rosa Aneiros

Unha estrela no vento, de Ledicia Costas.

XA CHEGA O SAMAÍN

A piques de entrar no propio día do Samaín, rematamos a semana intensiva de lecturas de medo coa sesión dirixida ao alumnado de 3º e 4º de primaria.



Zombis, esqueletes e vampiros puxéronnos medo e tamén nos deron que rir grazas ás boas lecturas de tres compañeiras do club de 3º ESO.



E, como non, se abriamos o luns a primeira sesión escoitando o medo na voz de Agustín Fernández Paz, tamén quixemos rematala coa lectura do seu libro Que medo, mamá Raquel!

 

quinta-feira, 27 de outubro de 2016

MÁIS LECTURAS DE MEDO COMPARTIDAS


Como cada día desta semana, dedicamos o primeiro recreo  á lectura de relatos ou extractos de novela que nos acompañan no medo, o terror, a tensión...

Este martes foi a quenda de Nuria, que puxo voz ao relato gañador no certame de microrrelatos de medo do curso pasado (da autoría de Ana Rodríguez, que xa voou para outros lares educativos...), e mais de Marta, Patricia e Nerea, que nos aproximaron aos mundos da intriga de tres novelas fascinantes.







Reparade ben nos títulos que elas escolleron como propostas de próximas lecturas.

quarta-feira, 26 de outubro de 2016

SEGUIMOS A MEDRAR!


Este martes comezou a nova sección do club de lectura de 2º ESO. 

Benvida para este novo equipo lector que abre experiencia coa novela de Ledicia Costas, Unha estrela no vento.

Aló imos! En breve contarán como lles foi por estas páxinas!!!

segunda-feira, 24 de outubro de 2016

LUNS DE MEDO

O Club de Lectura Coristranca agradece a visita de todo o alumnado que hoxe asistiu á primeira xornada de contos de medo compartidos.


Da lectura do relato "A visita" de Xohán Casal coa lembranza de Agustín Fernández Paz á escoita do texto gañador do concurso de relatos de medo na convocatoria do curso pasado na voz da súa autora, María Blanco de 2º B.



Que sorpresa levaremos mañá martes?

domingo, 23 de outubro de 2016

RECREOS ENTRE LIÑAS

Esta semana, previa á chegada do Samaín, as participantes no club de lectura colaboran co EDLG no programa de lecturas de medo compartidas co alumnado na biblioteca de secundaria  e deslocaranse tamén ao punto de lectura de primaria para participar da súa Hora de Ler.

Abrirá a quenda da contada o noso querido escritor e amigo do centro, Agustín Fernández Paz, a quen lembraremos no noso día a día de xeito especial durante este trimestre.


24 DE OUTUBRO. DÍA DA BIBLIOTECA


Por iniciativa da Asociación Española de Amigos del Libro Infantil y Juvenil, desde 1997, en colaboración co Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, celébrase o Día da Biblioteca, co obxectivo de concienciar a sociedade da importancia da lectura e como homenaxe e recoñecemento ao labor dos/as bilbiotecarios/as.

Este ano, as autoras seleccionadas para a redacción do pregón e o deseño do cartel que se difunde foron as gañadoras do Premio Nacional 2015, a galega
 Ledicia Costas e a éuscara Elena Odriozola.

Celebraremos este día inaugurando a semana de lecturas de medo compartidas nos primeiros recreos de cada xornada, coincidindo co plan de actividades coordinado desde o ENDL e apoiado polos clubs de lectura do centro.

segunda-feira, 17 de outubro de 2016

CONTINÚA A NOSA XIRA DE PRESENTACIÓN

Antía, Nerea e Patricia, lectoras experimentadas do noso club, seguen coa súa xira de presentación do proxecto Coristranca e hoxe tocoulle a 2º B na aula de música, coa colaboración da profesora da materia (e tamén fotógrafa), Pilar Espido, como compañeira de lecturas.

Á vista deste primeiro encontro, a imaxe non engana... o novo club de 2º ESO tamén promete!!!

Atentas ás súas pantallas!!!


domingo, 16 de outubro de 2016

CLUB D@S EX-

Álvaro Antelo achéganos como proposta literaria para gozar dun bo tempo lector a obra poética de Lois Pereiro e cóntanos o seu proceso de descuberta deste poeta tan senlleiro, voz lírica única.

Grazas, Álvaro, por partillares connosco a túa emoción lectora e a complicidade que sentes na túa propia escrita poética con Lois Pereiro!






Escribir sobre Lois Pereiro sempre é un reto, ademais unha honra. Tiven a sorte de saber del cando cursaba estudos secundarios, mais a miña ignorancia naquel entón impediume achegarme a el. Anos despois, xa en bacharelato, din con el na biblioteca e (re)descubrín ao poeta que supuxo un punto de inflexión. 

Hai estrelas que logo de mortas seguen presentes, así é a poesía de Lois. Un raio no medio da treboada, ou máis ben un amencer literario. A intensidade da súa obra é tal que a día de hoxe segue a ser un dos referentes para as novas xeracións de escritores; entre os cales, humilde pero satisfeito me atopo eu.

O primeiro que sentín ao ler os seus poemas foi frío. Esa é unha das primeiras impresións que causa Lois, as súas verbas rachan no silencio. Abonda abrir Poemas 1981/1991 e ler o primeiro poema para darse conta de que non estás ante outro poeta calquera. Esa é unha das grandes virtudes da súa voz poética: a personalidade, a potencia coa que falaba. Dicían que Lois era o poeta anarquista; eu sempre penso que era pola valentía coa que escollía as palabras. Cando el escribía, a poesía asentía e calaba. 

Outra faceta da súa literatura é o intimismo tan potente dende o que escribe. Tal vez o seu primeiro poemario sexa unha obra máis metálica e punzante, como as agullas irónicas das que falaba; mais en Poesía última de amor e enfermidade a voz de Lois vólvese moito máis interna. Os poemas amósanse baixo unha atmosfera moi poderosa. É aí onde o poeta se fai humano.

Manuel Rivas dixo nunha ocasión que as palabras de Lois eran tan verdadeiras que semellaban pecado. Eu vou máis aló: as palabras de Lois son pecado, vida e morte; son a furia necesaria, o futuro alleo, a enfermidade, a irreverencia; son modestas proposicións para facer que deixen de xirar as portas; luces e sombras de amor... Especialmente amor. As palabras de Lois eran amor que resucitou ilimitado. "Contra a morte o amor que vai comigo" dicía nun dos seus poemas. Se teño que recomendar un poeta, sempre será Lois. Contra a morte os versos de Lois que van comigo.
                                                     
Admiro moitas cousas de Lois Pereiro. A súa valentía para afrontar a morte e plantarlle cara. A súa breve pero intensa literatura e a poderosa voz coa que a creou. Mais se hai algo que admiro de Lois é o seu espírito inconformista e rebelde, o seu anarquismo atroz e a súa negación a renderse. Desfruto do poeta, mais admiro a persoa.
"Permitirías ti, amor deserto, que nesta febre penitente abrise a derradeira porta e a pechase detrás miña, sonámbulo e impasible, ou porías o pé entre ela e o destino?". Eu si o poñería.

CLUB D@S EX-


Continuamos este curso enriquecendo a nosa sección de encontro literario co Club d@s Ex-.

A primeira en voltar a este recuncho para o reencontro é Ana Seoane, que nos ofrece unha ben suxestiva lectura: As voces baixas de Manuel Rivas.

Todo un convite á lectura! 

Grazas, Ana!!!

María, a irmá do  narrador, é o fío condutor dos diferentes capítulos que constitúen As voces baixas, de Manuel Rivas. 

O autor, con esta obra, achéganos aos recordos da súa infancia e ás persoas que formaron parte dela, ademais de recrear os distintos puntos da cidade da Coruña da época. Nas diferentes pasaxes do libro pódense apreciar os recordos e a melancolía do protagonista, pero sobre todo resalta a retranca galega do escritor.    


Desde logo trátase dun exemplar  distinto, que non engancha desde o primeiro capítulo pero que esperta grande curiosidade no lector/a, o/a cal desexa saber máis. 

Chegando ao final dos relatos é máis doado comprender a historia completa. Polo tanto, recomendo que se faga unha lectura calmada e gozar da mesma.

Convídovos a que investiguedes quen son as voces baixas ás que se refire o autor na obra.  

sexta-feira, 14 de outubro de 2016

PRESENTANDO O NOSO CLUB


Cada curso Coristranca medra, igual que as amigas e amigos da lectura que o alimentan. 

Por iso hoxe Antía, Nerea e Patricia, lectoras experimentadas de 4º de ESO, presentaron o mundo de Coristranca ao alumnado de 2ºA que aínda non o descubrira.

Toda unha aprendizaxe de descubertas varias que estamos ben seguras en breve iniciarán o voo.

terça-feira, 11 de outubro de 2016

CON MANUEL MARÍA

Continuamos lendo a Manuel María máis aló da celebración do Día das Letras Galegas e partillando as escollas poéticas do noso club nos corredores do centro.

Grazas, Adriana e Alba, por atraernos ás vosas lecturas!




segunda-feira, 10 de outubro de 2016

NA LEMBRANZA DE AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ

O pasado 12 de xullo o descanso do verán desacougaba coa nova da perda física de Agustín Fernández Paz, un autor referencial para o tempo lector do noso centro e, moi especialmente, para os nosos clubs de lectura.

Durante os últimos cursos, Agustín Fernández Paz foi sempre un autor amigo de Coristranca. 

Imposíbel esquecer as entrevistas telefónicas do noso equipo de radio en diferentes programas "A Fume de Carozo". Ou aquel encontro que por fin chegou na primavera de 2015 na Fundación Penzol de Vigo.

Ao longo deste trimestre, Coristranca homenaxeará Agustín para lembrar a amizade e o afecto pola lingua, pola cultura, por nós mesmas, canda el aprendido.

Seguimos véndonos entre liñas na túa inmensa obra, benquerido Agustín!


CON LEDICIA COSTAS ATÉ A COCIÑA





Escarlatina e Esmeraldina son dúas personaxes literarias de primeira grazas á man da súa creadora, a escritora viguesa Ledicia Costas, unha autora ben coñecida no noso club de lectura.
Agora podemos saber algo máis da propia Ledicia Costas e das súas creacións literarias que teñen un arrecendo culinario ben suxestivo.

Desde o blob Bolboretas no bandullo, imos entrar coa súa sección de cultura gastronómica até a cociña de Ledicia Costas. 

Vindes?

quarta-feira, 5 de outubro de 2016

33 RAZÓNS PARA LER MÁIS


Velaquí algunhas razóns que convidan a ler, segundo Victoria Fernández, directora da Revista CLIJ (Cuadernos de Literatura Infantil y Juvenil).


  • Para vivir máis 
  • Para deter o tempo 
  • Para saber que estamos vivos
  • Para saber que estamos sós
  • Para aprender 
  • Para aprender a pensar
  • Para descubrir o mundo
  • Para  coñecer outros
  • Para coñecer aos outros
  • Para coñecernos a nós mesmos
  • Para compartir un legado común
  • Para crear un mundo propio
  • Para rir
  • Para chorar
  • Para consolarnos
  • Para desterrar a morriña
  • Para  ser o que somos 
  • Para non ser o que somos 
  • Para dubidar 
  • Para negar 
  • Para afirmar 
  • Para fuxir do ruído 
  • Para combater a fealdade 
  • Para refuxiarnos 
  • Para evadirnos 
  • Para maxinar 
  • Para explorar 
  • Para pasalo ben 
  • Para soñar 
  • Para medrar 

    Cales son as túas?

sábado, 1 de outubro de 2016

CORISTRANCA EN PLENA ACCIÓN LECTORA!

Xa chegan as primeiras lecturas do noso club. 

Queredes saber cales son? 

Pois velaquí están os primeiros títulos seleccionados polos equipos lectores de 3º e 4º de ESO