sexta-feira, 25 de novembro de 2016

25N, DÍA CONTRA A VIOLENCIA MACHISTA


Neste día que nos lembra a importancia de sermos conscientes sempre da importancia de detectarmos alertas de ataques, acosos e violencia contra as mulleres, mesmo dentro dos círculos máis próximos e íntimos, a escritora María Reimóndez ofrécenos este relato "A esencia da cidade" para a reflexión.

quinta-feira, 17 de novembro de 2016

CHEGOU O DÍA!


Este mércores 16 de novembro vai ser difícil de esquecer, xa que tivemos a sorte de poder coñecer persoalmente e conversar devagar coa escritora María Reimóndez, autora da novela A dúbida que tanto nos gustou e fixo pensar e repensar ese mundo escuro e silente, mais moi presente na sociedade que nos rodea, dos abusos sexuais a menores.

Sempre se di que a lectura é unha viaxe e abofé que esta o foi e non metaforicamente.

En Coristranca gustamos de nos deixar acompañar pola lectura e os libros aló onde imos e descubrir novos espazos e amizades canda eles. Así que aló nos fomos á Coruña, á estupenda libraría Moito Conto, onde nos recibiu a libreira Esther, e mantivemos unha novidosa tertulia con María Reimóndez.


Non puideron estar todos os membros do club de lectura de 4º ESO e ben que os estrañamos, mais prometemos contarlles (case) todo o que vivimos nesta tarde, mais xa en diferido :D

Ah! E por primeira vez conseguimos sumar ás habituais lectoras, alumnas e profesoras, unha nai. Benvida, Esperanza!



Deica a próxima, María! Seguirémoste entre liñas!

Prepárate, Esther! Volveremos por Moito Conto!

terça-feira, 15 de novembro de 2016

ÁS PORTAS DO ENCONTRO CON MARÍA REIMÓNDEZ


A tertulia da pasada semana ao redor da novela de María Reimóndez, A dúbida, soubo a pouco. 

É por iso que na tarde deste mércores manteremos un encontro coa autora na libraría coruñesa Moito Conto, para aprofundar aínda máis nas claves persoais da escrita dunha obra destas características en que o silencio ao redor dos abusos sexuais segue a estar demasido presente na sociedade que vivimos.



Para quen aínda non leu A dúbida, adiantamos esta recente entrevista á autora.

Seguiremos informando...

terça-feira, 8 de novembro de 2016

TERTULIA E ACCIÓN!


Chegamos ás vésperas da primeira tertulia literaria do curso.

Quen será o libro protagonista? Quen o asina? E os ollos lectores?

Imos ir deixando algunhas faragullas por aquí para ir alimentando o camiño deica o vindeiro xoves...

CONTINUAMOS A MEDRAR...

Hoxe inicia a súa andaina lectora unha nova sección dentro do club de lectura do centro e desde aquí querémoslle dar a benvida.


Os novos membros de 1º de ESO inician esta travesía de lectura comunitaria entre liñas partindo dunha estación moi esixente coa novela Cartas de inverno de Agustín Fernández Paz, neste momento en que precisamente Edicións Xerais publica unha edición especial (a número 36) que conmemora os 100.000 exemplares vendidos.