quarta-feira, 21 de fevereiro de 2018

E XOEL APRENDEU A VOAR


Hai uns días contabamos da tertulia ao redor do libro de Marica Campo, E Xoel aprendeu a voar. Pois ben, como eran varias as interrogantes que xurdiron, decidímonos a llas trasladar á autora, quen nos respondeu moi amabelmente.



Aquí vos deixamos esta entrevista epistolar con Marica Campo, a quen moito lle agradecemos o seu tempo e atención.




1. En que te inspiraches para escribir o libro?
Sempre digo que a inspiración é un misto ou chisqueiro para acender o lume, mais para facer a fogueira hai que xuntar leña. Que é a leña? Todas as experiencias vividas ou contempladas, deformadas polo prisma da imaxinación.

2. Canto tempo che levou escribilo?
Un mes exactamente.

3. Por que escolleches ese título?
Pensara en titulalo Xoel e o merlo branco; mais buscando que non houbese outro parecido, atopeime con que gardaba un paralelismo total con Xenaro e a mochila verde, así que entre outros moitos que se me ocorrían, escollín o que coñecedes.

4. Xoel representa algún familiar ou coñecido teu ou é un personaxe completamente inventado?
A actitude pasiva, abúlica, vina en máis dun rapaz, sempre desinteresado do que non fosen as novas tecnoloxías. Aínda hai dous ou tres días que lin como estas cousas, ademais do tipo de alimentación, tiñan a ver coa obesidade. Niso pensei tamén cando imaxinei o personaxe. Os nenos Daniel e Sara McNamee si que se chaman coma dous sobriños netos meus.

5. E o Merlo Branco?
Está inspirado nun señor a quen non coñezo en persoa (si á súa muller, que foi profesora de inglés nun instituto) que construía moto veleiros. El foi quen me explicou (por teléfono) como os facía. Doutra banda, gústame moito a relación cos avós. Tiven un que morreu cando eu tiña 14 anos e co que estaba moi compenetrada. Mesmo nalgún relato que falo dunha avoa, en realidade falo del. Só coñecín ao meu avó paterno e á miña avoa materna. Esta, aínda que era boa e cariñosa,  parecíame distante porque era moi refinada.

6. O final pareceunos moi precipitado, despois de toda a intriga da historia. Por que o fixeches así?

Para min era o momento do THE END, se cadra tivestes que lelo dúas veces para entender o que significaba porque nunca se di expresamente que o Merlo Branco era o avó. Quizais vos gustaría que se soubese máis do encontro da nai de Xoel e a súa nai norteamericana, mais hai que deixar espazo á imaxinación de quen le. Dicir, dise que se encontran e que “falou o sangue”, ou sexa, houbo un recoñecemento, o que os gregos chamaban unha anagnórise. Quen escribe, aínda que lles colla cariño, non debe quedar indefinidamente cos personaxes e alongar de máis a historia. Había un conflito e un enigma e, unha vez resoltos, a novela tiña que  acabar. De calquera maneira, se cadra tedes razón. Escribir é dubidar continuamente.

7. Poderemos ler pronto algún outro libro teu pensado para nós?
Estou rematando outra novela que, en principio, sería para xente máis nova. Porén, a medida que escribo, dubido da franxa de idade á que se debe destinar.

Unha aperta para todas e todos. Lede moito para medrar máis como persoas. Grazas por lle prestar atención a Xoel.



Sem comentários:

Enviar um comentário